O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) debatirase hoxe no pleno
A corporación municipal reúnese este martes en pleno para debater, entre outros asuntos, o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Segundo publicaba o pasado venres 26 de abril o xornal "Diario de Pontevedra", o edil de Urbanismo, Xulio Barreiro, dará a coñecer cal é o estado do documento que marcará o futuro desenvolvemento do municipio nesta sesión plenaria que se celebrará ás 19.30 horas.
O debate sobre o ordenamento territorial municipal dase nun momento no que as posturas entre o goberno e a oposición son cada vez máis distantes, chegando mesmo a intercambiarse acusacións de "ocultismo", por parte da oposición, e "rapazada", por parte do goberno.
As tensións dos últimos días agreáronse aínda máis despois de que a oposición presentase dúas preguntas no Parlamento de Galicia coas que se pide información á Xunta sobre o estado de tramitación do PXOM: "Ten constancia a Xunta do estado de tramitación administrativa no que se atopa a redacción do novo PXOM de Poio?", é a primeira; e "que documentación consta na dependencia administrativa da Xunta referente á elaboración da novo PXOM?", a segunda.
O goberno municipal anunciou hoxe que a elaboración do PXOM contará cunha comisión na que se debaterán ou incorporarán ideas da oposición ou outros colectivos.
1 comentarios:
Este PXOM ten que aclarar o futuro da depuradora.
Publicar un comentario