Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Aí ven o maio...

Flores, ovos, laranxas... e moita imaxinación. Estes son os principais ingredientes dos Maios, as construcións vexetais que este 1° de maio enchen prazas e rúas. Os Maios, son, sen lugar a dúbidas, a manifestación máis vistosa de cantas se celebran nos primeiros días da primavera, e tamén a que goza de máis popularidade. Trátase dunha festa popular galega de orixes ancestrais que forma parte do chamado "ciclo de maio", época de exaltación da natureza e de despedida do inverno. A celebración vai dende abril até mediados de maio e festexa o comezo da primavera, a floración das plantas e a aparición dos primeiros froitos.


Maio 2012 dos nenos e nenas da Escola de Educación Infantil de Tarrío, Samieira.

Este ano, despois de case dúas décadas, ademais do maio da Escola de Educación Infantil de Tarrío, varias veciñas de Samieira volveron facer un maio, o "Maio Miúdo", para participar na Festa dos Maios que organiza o Concello de Poio. 1995 foi o ano no se confeccionou o último maio "de maiores" que participou neste concurso.

Ramiñas de xesta contra os meigallos

A xesta tamén é protagonista deste día, pois tradicionalmente é un dos vexetais sobranceiros do "ciclo de maio", por florecer xusto nas datas en que remata abril e empeza maio. A súa presenza nas casas, nos coches e nos barcos, proclama aos catro ventos a chegada de maio, por antonomasia o mes das flores.

En parte da provincia de Pontevedra e, en particular, nas Rías Baixas, dí a tradición que o 30 de abril, antes de que se poña o sol, hai que pór unha ramiña de xesta para que non poida entrar o maio e espantar os meigallos. En Samieira así se fai. O día primeiro de maio, moitas portas das casas, coches..., aparecen pola mañá adornados cunhas ramiñas deste arbusto ao que se lle atribúen poderes especiais dende a antigüidade para arredar todos os perigos e doenzas, tanto das sementeiras, como das casas, dos vehículos e das persoas e animais (antigamente colocabanse tamén nos cornos dos animais, nos apeiros de labranza...).  Os devanceiros crían que onde estaba a xesta non entraban as meigas nin tampouco podían facer mal. A xesta arredaba supostos poderes maléficos e todo canto danase ou prexudicase dalgún xeito a vivenda, fixese enfermar as persoas e os animais, accidentes, pouca pesca...


O 1 DE MAIO, BOTA FORA O MEIGALLO!

0 comentarios: