Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Preocupación entre a veciñanza de Samieira por un roubo nunha vivenda mentres os donos durmían



A veciñanza do Covelo e O Caeiro, en Samieira, está preocupada polo suceso que viviu unha familia hai varios días. Unha vivenda da zona sufriu un roubo mentres os seus moradores durmían. Os ladróns accederon de noite ao interior da parcela da casa, saltando o muro perimetral, e roubaron todas as pertenzas que atoparon no seu percorrido. Os propietarios non se percataron do acontecido até que se levantaron o día seguinte para ir traballar.

Cazados polas cámaras

As cámaras de vixilancia da residencia rexistraron varias escenas do sucedido. Nas secuencias de video pode verse a unha das delincuentes retirando o variado botín. Entre os obxectos sustraídos, pertenzas de todo tipo, incluido o mobiliario de xardín.

Os corpos de seguridade, seguindo a investigación en curso, realizaron unha inspección da zona e están a traballar na identificación da muller que aparece nas gravacións. Polo momento non hai persoas detidas.

Temor a que volva suceder

Os propietarios están moi impactados polo acontecido e cren que a contorna se está volvendo insegura xa que todos os efectos roubados foron cargados nun vehículo aproveitando a vexetación e a disposición dos accesos ás praias. No lugar, afirman, quedaron abertas e acondicionadas unhas vías que facilitan que os delincuentes entren, rouben e saian sen que ninguén se percate de nada. A situación foi posta en coñecemento da administración local.

0 comentarios: