Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Multas de até 300 euros por non recoller os excrementos dos cans no paseo Covelo-Laño



A senda litoral que une O Covelo e O Laño, en Samieira, estreou esta semana unha medida dirixida a evitar comportamentos incívicos. As persoas que adoitan pasear por ela coas súas mascotas deberán respectar a nova obrigatoriedade de recoller as deposicións dos animais. A medida, establecida pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Poio, ten consecuencias para quen a incumpra. Non recoller os excrementos, eludindo o deber de facelo, pode saír caro. A institución municipal contempla a imposición de sancións que poden chegar até os 300 euros.

Sinalización de advertencia

A administración local instalou nas marxes da senda peonil varios sinais que informan e advirten aos donos/as dos animais. Esta pequena zona de esparexemento é moi frecuentada por persoas que queren desfrutar dunha apacible xornada de praia e por cidadáns que a escollen para pasear e facer deporte. Todos eles/as, se se achegan ao lugar en compañía da súa mascota, deberán ter en conta a nova sinalización e ir provistos/as dos medios para recoller os residuos fecais.

Sen colectores específicos para depositar os restos

Quedan, porén, sen concretar varios aspectos entorno a esta medida. Por unha banda, a forma de vixilar o seu cumprimento. Por outra, os lugares nos que depositar estos restos. A zona só conta con colectores de residuos na praia e únicamente na tempada de verán. Polo de agora, non se optou pola instalación de colectores específicos, depósitos que, de colocarse, establecerían a necesidade dun frecuente baleirado e de tarefas de mantemento, limpeza e hixiene, para evitar malos cheiros, un aspecto antiestético e afear a imaxe desta zona natural.

Primeiras reaccións

A medida desencadeou xa múltiples reaccións dos usuarios/as da senda. Entre elas: hai quen a aplaude; hai quen a cualifica de "pijada"; hai quen cre que é unha actuación desatinada por ser propia de núcleos urbáns; hai quen a valora porque repercutirá na limpeza viaria e hai quen non entende que se destinen recursos públicos a establecer e vixilar tales cousas. O caso é que a cruzada emprendida pola institución municipal contra os excrementos na senda litoral ten ainda proporcións descoñecidas. A magnitude do fecalismo ao aire libre nunha zona rural é dificilmente cuantificable pola presenza de cans sen dono/a, aves, ourizos, coellos, outros roedores e mesmo do ser humano. A iniciativa popular puxo de manifesto hai varios meses estes outros comportamentos incívicos con sinais caseiros como o da fotografía.

Sinal colocado na senda peonil Covelo-Laño por particulares | Samieira Dixital

Os excrementos dos cans non son abono

Por outro lado, unha das afirmacións máis escoitadas estes días é que os excrementos das mascotas serven como abono ou fertilizante natural. Pois nada máis lonxe da realidade. Ainda que as deposicións dos animais acaban por secar e se integran na natureza non é boa idea levalas para botar na horta da casa. Os excrementos dos cans non son bo abono para os cultivos. Requiren un tratamento previo para minimizar as bacterias propias da súa flora intestinal.

Letreiros instalados na senda peonil Covelo-Laño polo Concello de Poio | Samieira Dixital

Procedemento para recoller as deposicións:
1. Levante as fecais con coidado do chan. Pode usar un pequeno recolledor e pa ou, na súa falta, un anaco de papel hixiénico ou bolsa.
2. Leve o recollido con vostede até que atope o lugar axeitado (colector) para tiralo. Isto pode levarlle uns minutos, teña paciencia.
3. Deposite o recollido no colector. No caso de non atopar ningún colector, recorde que mirar ao seu redor e fuxir do lugar non é unha opción. Pode ser sancionado/a cunha multa de até 300 euros.

0 comentarios: