Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Jacobo Lores, do Club de Piragüismo Poio Pescamar, no podio do Campionato de Europa de Dragon Boat



O padeeiro Jacobo Lores Romay (Samieira), do Club de Piragüismo Poio Pescamar, puxo onte colofón ao Campionato de Europa de Dragon Boat, en Italia, cun bo feixe de distincións: dúas medallas de prata, na competición por equipos nacionais, por detrás de Rusia e por diante de Hungría, tripulacións estas con integrantes de pista olímpica; e outras tres na competición por clubes.

O evento, que comezou o pasado xoves, reuniu no lago St. Catherine, na localidade italiana de Auronzo di Cadore, a máis de 2.000 atletas en representación dun total de 17 países. Na xornada de onte realizáronse até 30 carreiras na distancia final de 2.000 metros.

Momento do Campionato | Auronzo 2015

Jacobo Lores, Jesús Montoto, do E.P.C. Pontevedra, e Rubén Paz, do Piragüismo As Torres, constituíron a representación galega no combinado de España na cita continental. Foron chamados a participar neste singular equipo composto por padeeiros de diferentes puntos da xeografía española polo Dragonboat Pinatar (Murcia), e o resultado, a priori dificílmente imaxinable polo pouco poco tempo que levaban traballando xuntos, foi todo un éxito.

Momento do Campionato | Auronzo 2015
O Dragon Boat é unha modalidade do piragüismo sobre embarcación, impulsada por 20 canoístas, que foi deporte de exhibición en Pekín 2008. O barco é orixinario de China e en competición mide 14 metros. A disciplina introduciuse hai moi pouco en España, a primeira participación internacional foi o ano pasado no mundial de Ravenna.

 Jacobo Lores (primeiro dereita), Jesús Montoto, Rubén Paz e a embarcación do equipo español de Dragon Boat.

Boas novas para o piragüismo de Poio

As novas medallas colleitadas por este integrante do Club de Piragüismo Poio Pescamar son sen dúbida un éxito que recargará os ánimos deste brillante equipo que pelexa por estar nas prazas de clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016.

Cita tamén para a concienciación

Ademais da competición, na contorna espectacular do lago St. Catherine, preto da fronteira austríaca, tamén houbo lugar para a sensibilización co exemplo de trinta mulleres atletas unidas polo reto persoal de loitar contra o cancro de mama. Co lema "Da enfermidade sáese e, sobre todo, véncese!" este grupo de mulleres, que superaron o cancro grazas a actividade física, participaron no campionato en tres "minidragóns" envíando esta mensaxe de superación.

0 comentarios: