Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

A Consellería de Educación prevé pechar a escola infantil de Samieira o próximo curso



Este pasado 19 de xuño pudo ser o último día no que as portas da escola de Tarrío estiveron abertas para os nenos e nenas de ensino infantil. A previsión da Consellería de Educación sitúa ao colexio, que alberga escolares de entre 3 e 6 anos, na lista de centros que posiblemente non sigan en funcionamento no curso escolar 2015-2016.

Un centro público do S.XIX cunha traxectoria centenaria

A escola infantil de Samieira está a piques de cumprir 130 anos como centro escolar. A súa creación acordouse no S.XIX, concretamente no 1886, para dar servizo a dúas parroquias de Poio, Samieira e Raxó. O edificio mudou para adaptarse aos tempos pero a súa función de centro específico para os primeiros anos de escolarización mantívose interrompidamente inalterada durante toda a súa etapa de funcionamento. Durante o seu longo percorrido como centro escolar foi escola elemental, escola unitaria de nenas, centro de preescolar e actualmente escola de ensino infantil (E.E.I).

Primeiro ensino de varias xeracións de familias

O centro escolar de Tarrío forma parte da historia e do patrimonio, colectivo e individual, de Samieira. Polas súas aulas pasaron até 4 xeracións dunha mesma familia: avoas, nais, fillas e netas. Trátase dun elemento fundamental que o pobo, como comunidade, supo conservar ao longo dos anos. Ningunha das parroquias veciñas, Raxó e Combarro, ten na actualidade centro específico para os primeiros anos de escolarización.

Grupo de alumnas do curso escolar 1958-1959 | © Samieira Dixital
Na foto, un grupo de nais e avoas do pobo cando o centro era escola unitaria de nenas. Antes da implantación da Lei Xeral de Educación de 1970 era usual que as nenas cursasen os estudos primarios nas escolas unitarias rurais e que pasasen ás monxas aos 9 ou 10 anos se querían continuar a súa formación. Para a maioría delas a etapa na escola de Tarrío foi a súa única escolarización.

O municipio perde as súas escolas infantís

O concello de Poio ven padecendo nos últimos anos unha merma na súa oferta educativa pública para os primeiros anos de ensino. Xunto co posible peche da escola de Samieira están as perdas máis recentes da escola do Pereiro (Combarro) e da escola de Albar (San Xoán) no curso 2014-2015.

Igualmente difícil é a situación que atravesa o C.E.I. concertado de Campelo no que a probable retirada do concerto de 2006 por parte da Consellería de Educación motivou a súa propietaria, Afundación, a anunciar o peche do centro no prazo dun ano.

O panorama parece contrario, por un lado, á propia realidade social do municipio, en sostido crecemento demográfico, e, por outro, a das propias escolas, unhas institucións cunhas características pedagóxicas e de resultados mellores que a media de grandes centros: menor cociente, trato persoalizado, contorna máis rica, menor masificación e mellores relacións familia-escola.

Mínimo 6 novas matrículas para non botar o peche

A escola infantil pechará as súas portas se non consegue o minimo de seis alumnos/as matriculados/as para o próximo curso. Esto é o que sostén a Xunta de Galicia ao basear a súa proposta de peches de centros educativos nunha escasa demanda de prazas.

Dende hai varios anos, a falta de novas matriculacións nun curso escolar concreto é o criterio escollido polo goberno autónimo para botar o peche definitivo destes centros escolares aforrando con elo o custe do servizo. Este argumento recibe cada ano a oposición e crítica do profesorado, pais, nais e outros colectivos por reducir a oferta aos grandes centros, fomentar a concentración do alumnado e empregar a mesma dotación de recursos con escasos aportes económicos.

Os datos definitivos (a proposta de peches é ainda un documento provisional á espera de confirmación) coñecerase nas primeiras semanas do vindeiro mes de xullo.

Patio e exterior da escola

0 comentarios: