Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Concienciación e reivindicación en Samieira este sábado coa III Limpeza da Praia do Laño



A Plataforma Veciñal de Samieira e ADEGA están a organizar, por terceiro ano consecutivo, unha LIMPEZA DA PRAIA DO LAÑO. A cita será este sábado día 6 de xuño coincidindo coa Semana do Medio Ambiente e coa conmemoración do Día Mundial dos Océanos.

Cita simultánea e única na ría de Pontevedra

Como nas xornadas anteriores, a actividade desenvólvese no marco dun proxecto impulsado por ADEGA e levarase a cabo de forma simultánea coas que están programadas en toda Galicia. Concretamente, nesta fin de semana, limparanse 22 areais das rías galegas, dende Vigo até Burela, por entidades de todo tipo e particulares. A limpeza da praia do Laño volverá a ser a única iniciativa destas características que se realizará na ría de Pontevedra.

Compromiso co coidado da contorna

A proposta une concienciación, educación ambiental e reivindicación. Os seus obxectivos son:

- Destacar e potenciar o papel da acción cidadá na conservación da natureza e da paisaxe, implicando aos usuarios/as do territorio en pequenas accións colectivas que conciencien sobre o seu coidado.
- Contribuír a criar e experimentar valores e actitudes medioambientais, loitando contra a contaminación mariña, mudando conciencias e sensibilizando sobre a importancia de manter limpo o litoral.
- Reivindicar políticas que contribúan a unha mellora ambiental e a un desenvolvemento sustentable.

Protocolo para unha limpeza ecolóxica

O punto de encontro do que partirá a xornada sitúase na baixada á praia (enlace coa estrada PO-308 Pontevedra-Sanxenxo, quilómetro 9.4). A actuación dará comezo ás 19.00 horas co reparto de materiais e de instruccións para unha limpeza respectuosa co ecosistema. A actuación sobre o areal realízarase conforme ás indicacións do protocolo para unha limpeza ecolóxica elaborado por ADEGA.

A organización preve que durante a xornada se eliminen da contorna todo tipo de refugallos de xeito similar ás pasadas edicións. Na xornadas de 2013 e 2014 participaron activamente en Samieira unha media de 25 persoas e retiráronse 50 e 60 quilos de lixo respectivamente, un resultado moi positivo.

Materiais e forma de participación

Polo seu interese social e ambiental a participación é gratuíta e non fai falta experiencia previa. Todos os/as participantes disporán do material necesario e estarán provistos de seguro de accidentes. O único que se precisa é roupa cómoda e ganas de contribuír a un medioambiente limpo e san. Quen queira participar ou recabar máis información pode contactar coa organización a través do e-mail: limpezapraiasamieira@gmail.com ou o perfil específico da rede social facebook: https://www.facebook.com/limpezapraia.dolano (Limpeza Praia do Laño).

II Limpeza Reivindicativa da Praia do Laño (2014)

0 comentarios: