Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Unha rotura na rede de auga no Laño deixa sen subministración a varias vivendas da zona



A rotura dunha tubaxe da rede de abastecemento de auga en Samieira, Poio, deixou onte sen subministración a varias vivendas da zona do Laño. O rebentón tivo lugar minutos despois das 19.30 horas na canalización que discorre pola estrada PO-308 e provocou unha inundación parcial neste tramo da estrada.

Até o lugar desprazáronse operarios e técnicos da empresa concesionaria, Viaqua, para tratar de reparar os danos ocasionados pola avaría. Segundo se puido concretar, a incidencia localizouse na unión que entronca a rede secundaria, a que dá servizo ás vivendas, coa rede principal. Este empalme de tubaxes non foi substituído na recente actuación de modernización do sistema de subministración que se centrou únicamente na rede xeral.



O incidente, que non é un feito illado xa que recentemente producíronse roturas similares noutras zonas como O Covelo, pon de manifesto as limitacións do macroproxecto de mellora posto en marcha pola empresa pública estatal Acuanorte. Esta actuación de renovación do abastecemento nos concellos da ría, impulsada con fondos procedentes da Unión Europea (FEDER), superou en Poio os 3,5 millóns de euros, 865.290 dos cales corresponden a achegas das arcas municipais.

0 comentarios: