Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Novo parque biosaudable en Arén con sete aparellos para practicar ximnasia ao aire libre



O recinto do parque infantil do camiño do Souto, en Arén (Samieira), conta dende hai varios días cun circuito biosaudable para realizar exercicios ximnásticos ao aire libre.

O Concello de Poio instalou un conxunto de sete aparellos para practicar ximnasia de mantemento (cardiovascular, tonificación e mobilidade articular) que supuxeron un desembolso de preto de 10.000 euros.

As máquinas son adecuadas para todo tipo de usuarios/as, a partir dos 15 anos, e están especialmente recomendadas para as persoas maiores.

O conxunto inclúe unha cadeira adestrador pectoral para os brazos, unha máquina de esquí de fondo para as pernas, unha roda grande para exercitar brazos e ombreiros e unha de remo para o torso, entre outras. Ademais, cada aparello conta cun panel explicativo con información de como utilizalo de forma correcta, que tipo de exercicio se realiza e que músculo se traballa.

A empresa encargada da instalación foi HPC Ibérica unha entidade especializada no sector de xogos infantís e parques para exterior cunha traxectoria de máis de 20 anos.

Os aparellos están ancorados no chan e elevados sobre unha plataforma de formigón. A razón de que estean colocados nunha zona onde xa existe un parque infantil é que queden integrados nun lugar de uso habitual dos veciños/as á vez que sirvan para a interrelación entre as distintas xeracións que viven na zona: avós/avoas, pais/nais e nenos/as.

O circuito biosaudable está deseñado para todas as persoas pero recoméndase especialmente para favorecer a práctica do deporte entre os/as maiores. Os exercicios que se realizan con estas máquinas adaptan cada movemento ás necesidades psicomotrices dos usuarios/as, tendo en conta aqueles exercicios de recuperación e rehabilitación tan necesarios a certas idades ou para tratar diversas doenzas.



CIRCUITO BIOSAUDABLE
MÁQUINAS E EXERCICIOS:

O XINETE
Tipo de exercicio: Cardiovascular.
Exercita as pernas, o abdome e os brazos.
ESQUÍ DE FONDO
Tipo de exercicio: Cardiovascular.
Exercita as pernas e os brazos.
A RODA GRANDE
Tipo de exercicio: Mobilidade articular.
Exercita os ombreiros e os brazos.
O REMO
Tipo de exercicio: Tonificación.
Exercita o torso e os brazos.
AS RODAS
Tipo de exercicio: Mobilidade articular e coordinación.
Exercita os ombreiros, os cóbados e as bonecas.
BICICLETA ESTÁTICA
Tipo de exercicio: Cardiovascular.
Exercita as pernas.
CADEIRA ADESTRADOR PECTORAL
Tipo de exercicio: Tonificación.
Exercita os brazos.

0 comentarios: