Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Máis de 90 deportistas incríbense no «IX Dúatlon Cros Concello de Poio», a última proba do Circuíto Galego de Dúatlon Cros



O domingo 22 de febreiro ás 11:00 horas celébrase en Samieira a última proba do Circuíto Galego de Dúatlon Cros, o «IX Dúatlon Cros Concello de Poio», cunha inscrición provisional de 94 deportistas, cifra que supera amplamente a da última edición.

Entre os favoritos para facerse co triunfo destacan: Darío Manuel Otero (Team Corbelo), Fabián Ubeira (Asociación Deportiva C.A.R.), Gustavo Caballero (Club Deportivo Pinarium) ou Marcos Mayo (Tríatlon O Treito). Marcos Mayo, o campión galego 2014, logrou o triunfo na primeira proba do circuíto, disputada en Beariz, e fíxose coa vitoria na categoría absoluta masculina na última edición do «Dúatlon Cros Concello de Poio».

Na categoría feminina María Martínez (Atletismo Porriño) parte coma favorita. Esta deportista logrou o triunfo na segunda proba do circuíto, en Maside. Tamén a veterana Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) ou Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol) disputarán postos de podium.

Os/as participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pé. A saída, meta e transicións estarán situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos decorrerán por pistas forestais e sendeiros máis técnicos.

O Circuíto Galego de Dúatlon Cros 2015 está formado por tres probas: Beariz, Maside e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterana (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz resultaron vencedores Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Ana Varela (licenza dun día), mentres que en Maside gañaron Brais Misa (Atletismo Porriño) e María Martínez (licenza dun día).



Novas relacionadas:

0 comentarios: