Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Executada a demolición parcial da vivenda do Camiño Bouciñas



O pasado 24 de novembro comezaban os traballos de derriba parcial dunha vivenda unifamiliar no Camiño Bouciñas, en Covelo (Samieira, Poio), tras 21 anos de litixio xudicial. O propietario actual do inmoble presentou sen éxito varios escritos solicitando a paralización da actuación.


Dende 1989

A problemática coa edificación comezou no ano 1989, cando o anterior propietario da vivenda realizou obras de reforma e ampliación no inmoble, concretamente un ático, sen contar coa pertinente licencia urbanística. Unha veciña denunciou a situación o que deu inicio ao expediente administrativo e á orde de paralización das obras emitida pola Administración local por carecer de autorización e invadir a zona de protección de Costas de 100 metros.

A vivenda tiña a sentenza de derriba dende 1993.


Oposición do propietario actual

O propietario actual do inmoble, que non é o autor da obra ilegal, intentou sen éxito paralizar a demolición "por risco grave sobre toda a edificación". Avalado por un informe do director de obra e un estudo do Colexio de Arquitectos que cuestionaría a actuación por estar en perigo a estrutura do edificio, presentou varios escritos instando a redacción dun novo proxecto de demolición.


25.000 euros e tres semanas de traballos

A derriba parcial da edificación situada no Camiño Bouciñas consistía na demolición do ático ilegal do inmoble. En total, foron tres semanas de traballos que levou a cabo "Construcciones y Proyectos Abilleira". Para a realización das obras procedeuse ao corte dun tramo do viario ao tráfico rodado para poder instalar o guindastre e os colectores.

O Concello de Poio foi o responsable subsidiario da tarefa de demolición, unha obra que saíu a concurso público e estaba licitada por un valor de 17.171 euros, e que na súa execución final custou algo máis de 25.000 euros.


Estado da vivenda despois da demolición

Máis información:
FARO DE VIGO, 28.10.2014: "O propietario do chalé de Covelo celebra que se paralizou a derriba parcial".
DIARIO DE PONTEVEDRA, 27.10.2014: "O Concello paraliza a demolición do ático de Covelo á espera dunha resposta do xuíz".
FARO DE VIGO, 10.10.2014:"O propietario da casa de Covelo pide que paralicen a demolición".
FARO DE VIGO, 07.10.2014: "O Concello enviará hoxe a un cerralleiro antes de retomar a demolición da casa de Covelo".
FARO DE VIGO, 27.09.2014: "A derriba parcial de Covelo segue o seu curso".
LA VOZ DE GALICIA, 26.09.2014: "A derriba do ático ilegal de Poio paralízase ante o serio risco de desplome do resto da vivenda".
FARO DE VIGO, 23.09.2014: "O Concello pon en marcha os trámites para a derriba do baixocuberta ilegal de Covelo".
FARO DE VIGO, 16.09.2014: "Sen derriba en Poio".
FARO DE VIGO, 16.09.2014: "O dono logra pospor 7 días máis a derriba parcial da vivenda do Camiño de Bouciñas".
DIARIO DE PONTEVEDRA, 15.09.2014: "A derriba de nunca acabar".
FARO DE VIGO, 04.09.2014: "O Concello sinala para o día 15 o inicio da demolición parcial da vivenda do Camiño de Bouciñas".
FARO DE VIGO, 29.11.2013: "Adxudicada por 17.000 euros a derriba parcial da vivenda de Camiño Bouciñas".

0 comentarios: