Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Aboia fronte á praia do Caeiro o cadáver dun animal en descomposición



As persoas que adoitan camiñar polo paseo Covelo-Laño atoparon hoxe un desagradable achado na zona do Caeiro, en Samieira. Na auga, fronte á praia, aboiaba a primeiras horas do día o corpo sen vida dun animal en proceso de putrefacción.

O cadáver, inchado pola descomposición, acabou esta mañá sobre a area da praia. Alí, segundo fontes presenciais, a sorpresa foi maiúscula ao descubrir que "era unha cabra, tiña as patas dianteiras atadas e estaba degolada".

O feito deu lugar a múltiples elucubracións que lle buscaban un sentido ao sucedido. Por un lado, había quen falaba de rituais de sacrificio para escorrentar os espíritos no día de defuntos; por outro, quen non dubidaba en calificar o caso coma unha "animalada duns bestas", porque "haiche de todo neste mundo".

O corpo do animal foi arrastrado pola forza da marea novamente mar adentro nas primeiras horas da tarde. A veciñanza agarda que no menor tempo posible poida ser retirado.

Corpo do animal aboiando na auga fronte á praia do Caeiro, en Samieira

0 comentarios: