Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

II Limpeza Reivindicativa da Praia do Laño



Este sábado 7 de xuño ás 18.00 horas, dentro da Semana do Medio Ambiente e coincidindo co Día Mundial dos Océanos, a Plataforma Veciñal de Samieira vai realizar, no marco dun proxecto impulsado por ADEGA, unha LIMPEZA DA PRAIA DO LAÑO. A actividade, que participa da iniciativa europea “Limpemos Europa”, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e inclúese dentro do Programa “Praias, Ríos, Voluntariado e Custodia do Territorio”.

Limpeza simultánea

O areal do Laño será, por segundo ano consecutivo, o protagonista desta xornada de reivindicación e educación ambiental que se levará a cabo de forma simultánea coas que están programadas en toda Galicia. Nesta edición son 27 areais dende Baiona até Barreiros e 34 entidades de todo tipo as participarán na fin de semana nesta actividade simultánea. Na ría de Pontevedra, só se realizará a do Laño.

Finalidade

A actividade busca destacar e potenciar o papel da acción cidadá na conservación da natureza e da paisaxe. Invita á cidadanía a criar e experimentar valores e actitudes medioambientais, mudando conciencias, sensibilizando sobre a importancia de manter limpa a praia e reivindicando políticas que contribúan a unha mellora ambiental e a un desenvolvemento sustentable.

Protocolo de actuación

O grupo de voluntarios/as realizará a limpeza respectando o ecosistema da praia seguindo as indicacións do protocolo para unha limpeza ecolóxica elaborado por ADEGA. O protocolo inclúe toda unha serie de pautas para levar a cabo a limpeza da forma máis respectuosa co medio posible. Estas indicacións serán explicadas ao inicio da xornada polos coordinadores e serán entregadas en soporte papel a todos os voluntarios/as.

Inscricións

A acción é aberta a todo o/a que queira participar. Todas as persoas interesadas en unirse a este evento contra a contaminación mariña poden poñerse en contacto coa organización a través do e-mail: limpezapraiasamieira@gmail.com ou do perfil específico que se puxo en marcha na rede social facebook: Limpeza Praia do Laño.



Ver novas:

0 comentarios: