Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Catro feridos leves nun choque por alcance na recta do Laño



Catro persoas resultaron feridas hoxe xoves na recta do Laño, en Samieira, nunha colisión por alcance entre dous vehículos.

O impacto, que se produciu sobre as 12.20 horas á altura do punto quilométrico 9 da PO-308, tivo lugar cando un dos vehículos sinistrados, que circulaba en dirección Sanxenxo, freou para xirar cara un viario local, o camiño Esculloeiras. Unha das conductoras que circulaba detrás do turismo non advertiu a manobra e colisionou contra el esnaquizando o frontal do seu propio coche e causándolle ao manobrante importantes danos materiais na parte traseira.

Até o sitio desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia do 061 -Urxencias Médicas- que trasladou ao centro hospitalario 'Miguel Domínguez' aos ocupantes dos turismos, un home de 69 anos e tres mulleres de 57, 52 e 64 anos, que presentaban unha sintomatoloxía de carácter leve.

O sinistro é o terceiro no lugar en pouco máis de tres meses. Os veciños/as achacan esta concurrente sinistralidade á falta de sinalización adecuada na zona e a alta densidade de tránsito vehicular da PO-308 que a está a converter nun caldo de cultivo desta dinámica accidental.

Vehículos implicados no choque

0 comentarios: