Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Un desaprensivo prende lume no Caeiro como Robinson Crusoe na illa selvática do Pacífico



A madeira dun carballo derrubado polos temporais, que o propietario da parcela máis próxima á praia do Caeiro acumulaba no lugar, espertou na tarde de onte o "instinto de home prehistórico" dun visitante.

O feito ocorreu sobre as 19.00 horas cando o individuo, que paseaba pola senda litoral cunha nena duns 12 anos, decidiu substraer a madeira dunha propiedade privada e comezou a acarrexala cara a praia do Caeiro. Alí, baixo os carballos centenarios que circundan o areal, a semellanza do home das cavernas ou do Robinson Crusoe de Daniel Defoe, prendeu unha fogueira e deu instruccións a súa xoven acompañante sobre como avivar o lume.

En poucos minutos a cantidade de fume era visible en toda a contorna para sorpresa de veciños/as e viandantes. Segundo testemuñas presenciais, o individuo foi advertido da imprudencia e ilegalidade do que estaba a realizar e enfrontouse con vehemencia aos que o reprenderon até que finalmente optou por cesar no empeño.

O individuo e a rapaza xunto a fogueira recén prendida | Fotografía: M. Fernández

0 comentarios: