Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Desde este martes pode pedirse a axuda de 360 euros por fillas e fillos menores de 3 anos


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a convocatoria da prestación por fillo/a a cargo da Consellería de Traballo e Benestar. A Consellería adiantou este ano a convocatoria destas axudas, que noutros exercicios saía publicada a partir do mes de abril, e mantén a mesma contía de 1.600.000 euros que en 2013 (1.100.000 euros menos que no 2012).

A axuda consiste nun pago único de 360 euros por cada fillo/a menor de 3 anos e poderá solicitarse desde este martes. Concretamente a prestación diríxese a aquelas persoas que, con data do 1 de xaneiro deste ano, tiveran ao seu cargo fillos/as nacidos/as entre o 2 de xaneiro de 2011 e 1 de xaneiro de 2014, sempre que durante o ano 2012 non estivesen na obriga de presentar a declaración polo imposto sobre a renda, nin a presentasen de maneira voluntaria.

No caso de fillos/as adoptados/as ou acollidos/as entre o 31 de decembro de 2012 e o 31 de decembro de 2013, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

Para solicitar a axuda é necesario que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia e que os/as nenos/as convivan coa persoa solicitante.

A petición formalizarase no formulario normalizado que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e presentarase preferiblemente por vía electrónica (tamén se pode presentar en papel).

O prazo de presentación das solicitudes será de 40 días naturais contados desde o martes e a resolución será nun prazo de 5 meses desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.


Prestación por fillas/os menores de 3 anos




Prazo de presentación: Do 18/03/2014 ao 26/04/2014.
Documentos e tramitación: Modelo de solicitude e tramitación en liña.
Información do Procedemento: teléfono 981 547 246.


0 comentarios: