Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Samieira celebra á fin do Entroido con Galo á Brasa



Viúvas inconsolables, enlutadas de pes a cabeza, acompañaron onte ao Galo Bruxo de Samieira, no seu resignado adeus á vida.

Tal e como sucede cada ano durante o Entroido, a negrísima comitiva, que mesturaba sorrisos e bágoas baixo veos e vestimentas imposibles, partiu pasadas as 20.00 horas de Arén, desfilando en fúnebre cortexo polas rúas do pobo, até Río de Bois, onde se oficiou, como xa é tradición, o inevitable rito da queima.

Até o velorio achegáronse numerosos veciños/as, visitantes, parentes, achegados/as e amigos/as do Galo que cos seus mellores disfraces quixeron renderlle a súa última homenaxe. O animal, resignado á súa sorte, non opuxo resistencia ao seu destino, xa que a súa era unha morte anunciada.

Fotografías: Rafa Vázquez - FdV
A noite rematou coa Festa da Filloa: gastronomía local, música e baile até altas horas da madrugada para gozar, até o ano que vén, dos últimos sorrisos do Entroido. 

Diario de Pontevedra 16.03.2014

0 comentarios: