Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Máis de 70 escolares do CEIP Espedregada realizaron onte unha limpeza da praia do Laño



Plásticos, cordas, cristais, cabichas, redes vellas, cortizas, restos de persianas, botellas de plástico e cristal de todas as formas e cores, latas e mesmo anacos de mangueiras e tubos de PVC, forman parte do botín que onte recolleron no areal do Laño máis de setenta escolares de infantil e primaria do CEIP Espedregada.

A actividade enmarcada no programa medioambiental Voz Natura levouse a cabo cun notable éxito. Primeiro, porque se recolleron incontables restos de lixo e, segundo, porque este tipo de iniciativas serven para concienciar aos máis cativos/as sobre a importancia de coidar e manter limpa a contorna. Do bo resultado daba boa conta a reflexión que se repetía entre estes pequenos/as: «La gente es muy sucia», e o entusiasmo que poñían na tarefa.



Botando unha ollada ás bolsas de lixo que encheron e que recolleu da praia o tractor do Concello, de todo había no areal de Laño (praia que os nenos rebautizaron como praia de Plasticris, pola cantidade de plásticos e cristais que atoparon). Os obxectos máis curiosos de entre o variado e abundante material que localizaron foron: varios cepillos de dentes e unha dentadura postiza.



O programa Voz Natura

Voz Natura é un programa de educación ambiental posto en marcha pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre no curso 1997/1998. O seu obxectivo é implicar á comunidade escolar de Galicia na recuperación e defensa da natureza da terra. Na súa edición 2013-2014 (a 17ª) adica a súa ollada á conservación, valorización e coidado dos cursos fluviais e os areais de Galicia. Este curso escolar participan 53.543 alumnos/as e 3.050 profesores/as con 307 proxectos de recuperación da natureza.



Máis información: WEB OFICIAL DO PROGRAMA VOZ NATURA: www.voznatura.com
LA VOZ DE GALICIA, 12.03.2014: "Batida de limpeza na praia do Laño".

0 comentarios: