Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Solicitan declarar camiño público unha canle de regar as veigas en Tarrío



En Samieira, o que históricamente foi unha presa da auga para regar as leiras podería converterse nun camiño público. Este insólito asunto, iniciado hai meses a instancia dunha empresa promotora, xera polémica entre os veciños/as.

Un expediente de investigación para clarexar o tema

O Concello de Poio anunciou onte a apertura dun expediente de investigación para conseguir aclarar se no lugar de Tarrío, ao carón da Escola Infantil, exístía antigamente un camiño, tal como afirma o solicitante. O acordo foi aprobado o pasado martes por unanimidade dos tres grupos políticos da Corporación (BNG, PSOE e PP) e o resultado exporase ao público para que se poidan presentar alegacións.

Os veciños/as xa denunciaran públicamente a inexistencia da vía obxecto da investigación hai case dous anos. Entón a solicitude fora cursada por un particular.

O Concello afirma ter documentos da existencia dun viario público

En maio de 2012, dende o Consistorio explicaban que dispoñían de documentos nos que constaba a existencia dun viario público e que iniciaban os trámites tendentes á "rectificación dun erro material na cartografía do PXOM". O expediente foi sometido a votación no pleno, para o seu recoñecemento e posterior inclusión no PXOM, pero non obtivo a maioría necesaria para a súa aprobación. Os veciños/as presentes na sesión forzaron a abstención, pola relación de parentesco co solicitante, de dous concelleiros.

Unha presa de regar "de toda a vida"

Os veciños/as e residentes da zona pola que supostamente discorre o trazado deste singular "camiño" sosteñen que non existe tal vía, e que nunca existiu. Afirman que no lugar sempre houbo unha presa, ainda visible na actualidade, que recollía e distríbuía a auga do río para regar as veigas, e da que se servían, a través dunha servidumbre, os propietarios/as de todos os terreos lindeiros.

Nin o PXOM actual nin o anterior recollen a existencia de ningún camiño no lugar, nin tampouco as escrituras das propiedades da zona que establecen como límite entre as parcelas a presa.

Peche da Escola Infantil, canle da auga e parcelas

Confrontación pola proximidade ao centro de educación infantil

Os veciños/as opóñense á decisión de abrir un camiño no lugar non só porque consideran que hai un interese particular e non colectivo, "que pagaremos todos", senón porque para a súa construción sería necesaria a cesión dos terreos das extremas, entre eles, e fundamentalmente, os da escola infantil de Tarrío, a principal prexudicada.

En paralelo ao novo trazado, e a menos de 10 metros, xa existe na actualidade un camiño público, razón pola cal a obra non supón unha necesidade nin unha mellora. Pola contra, o prexuizo á escola infantil, sí redundaría nunha perda colectiva, unha interpretación errada e nesgada do que debe ser o interese xeral.

Patio da Escola Infantil de Tarrío

0 comentarios: