Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

O "Banco Malo" busca comprador para o hotel Covelmar a través de Bankia Hábitat



Bankia Hábitat, a sociedade inmobiliaria do Grupo BFA-Bankia, pon á venda o Hotel Covelmar, un activo propiedade do "Banco malo".

O proceso de comercialización do inmoble xa comezou, tanto nas sucursais da entidade nacionalizada como na súa páxina web.

Un hotel de 65 habitacións construído nos anos 90

O Hotel Covelmar foi edificado a finais dos anos 90 e estivo en funcionamento até o ano 2009. Durante os seus 12 anos de andadura, as 65 habitacións do establecemento comercializáronse baixo a clasificación de 3 estrelas.

O seu anterior rexente, o empresario José Víctor González, un dos principais impulsores do entroido en Pontevedra

José Víctor González, "Pepe Shiva", foi o anterior xerente do hotel. Este empresario polivalente (ocio nocturno, construción, moda...) é moi coñecido por ser un dos principais impulsores da figura do Ravachol e do entroido en Pontevedra.

Actualmente un activo propiedade da Sareb

Na actualidade, este inmoble forma parte dunha selección de activos situados en distintos puntos da xeografía española propiedade da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb).

Na páxina web de Bankia Hábitat (a comercializadora), www.bankiahabitat.es, os investidores/as poden consultar as fotos e descrición do inmoble xunto coas dos cinco establecementos hostaleiros en venda da oferta "costa e illas": Covelmar, en Poio (Pontevedra); Benidorm Vida e Golf na localidade alacantina; Hotel no Puerto de la Cruz (Tenerife); Complexo Lobosol, na Oliva (Fuerteventura) e o Hotel Suite o Paso en Alajeró (A Gomera).

Dossier de Bankia Hábitat sobre o Hotel Covelmar

Que é a Sareb?

A Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), é o "banco malo" do Estado, a clave de bóveda do saneamento e reestruturación do sistema financieiro español.

Creouse ao abeiro da Lei 9/2012, do 14 de novembro, que permite a segregación dos activos tóxicos, danados ou problemáticos dos bancos que precisan apoio público, co fin de dalos de baixa do balance das entidades.

O seu obxectivo é ir liquidando estes milleiros de activos de stock inmobiliario (o ladrillo da banca) procedentes, por un lado, das entidades nacionalizadas (Grupo1: BFA-Bankia, Catalunya Caixa, NCG Banco, Banco Gallego e Banco de Valencia), e por outro, das que recibiron axuda financeira (Grupo 2: BMN, Liberbank, Caixa3 e Ceiss), segundo o previsto no Real Decreto-Lei 24/2012 de 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito.

Está formada por investidores privados e públicos, tanto nacionales como estranxeiros, entre eles 14 bancos nacionais (Santander, Caixabank, Banco Sabadell, Banco Popular, Kutxabank, Ibercaja, Bankinter, Unicaja, Cajamar, Caixa Laboral, Banca March, Cecabank, Banco Cooperativo Español e Banco Caminos); 2 bancos estranxeiros, (Deutsche Bank e Barclays Bank), 1 eléctrica (Iberdrola); 10 aseguradoras (Mapfre, Mutua Madrileña, Catalá Occidente, Axa, Generali, Zúric, Reale, Pelayo, Asisa e Santa Lucía), ademais do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que ten o 45% do capital social (o 55% restante confórmao o capital privado).

No momento da transferencia, recibiu 197.474 activos, cun valor superior a 50.000 millóns de euros, procedentes, en primeiro lugar das entidades do Grupo 1 (nacionalizadas) e, en segundo, das entidades do Grupo 2 (con axuda financeira), de acordo cos parámetros definidos polos plans de reestruturación aprobados pola Comisión Europea o 28 de novembro de 2012.

Ten un prazo de 15 anos para cumprir os seus obxectivos buscando a máxima rendibilidade para os seus accionistas.


Máis información:

Novas relacionadas:

0 comentarios: