Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Costas ordena o retranqueo dun peche privado do paseo Covelo-Laño



A Dirección Provincial de Costas de Pontevedra obrigou a modificar o muro que un particular constrúe preto da praia do Caeiro, ás beiras do paseo Covelo-Laño (Samieira). A actuación foi denunciada polo propio Servizo de Vixilancia da demarcación, por invadir, sen autorización, o dominio público marítimo terrestre. Concretamente, a obra ocupaba parte da zona afectada pola servidume de tránsito, un espazo de uso público, no tramo da costa máis próximo á ribeira do mar, para o que a lei establece 6 metros de ancho.


Artigo 27.1 da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas: «A servidume de tránsito recaerá sobre unha franxa de 6 metros, medidos terra dentro a partir do límite interior da ribeira do mar. Esta zona deberá deixarse permanentemente libre para o paso público peonil e para os vehículos de vixilancia e salvamento, salvo en espazos especialmente protexidos» 

Mediante o procedemento de autorización, o organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, determinou as condicións baixo as cales se deberá levar a cabo a nova construción. Así, ainda que os terreos incluídos nesta franxa de 6 metros de servidume non poden ser ocupados de xeito privado por lei, seguindo o proceder que no seu día se estableceu entre o Concello de Poio e Costas do Estado para a creación da senda litoral, o propietario só deberá retranquear o peche até aproximadamente os 4 metros, podendo empregar os 2 restantes para o seu uso particular.

A medida correctora é a primeira intervención que a Dirección Provincial efectúa na zona e supón un toque de atención cara unhas construcións particulares que limitan e afean o espazo litoral, materializando un deterioro que xa é evidente en extensos tramos da costa.

O desaguisado ambiental, que chama a atención de veciños/as e visitantes, consta nos expedientes do Servizo de Vixilancia de Costas, quen informou sobre a existencia de máis irregularidades na zona, ainda que, polo momento, non se actuou sobre estas posibles infraccións.


O propietario xa iniciou as actuacións para adecuar o peche ás directrices de autorización de Costas

Máis información:

0 comentarios: