Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Coñecendo a paisaxe, respectando os seus valores naturais e culturais



Partindo do reto de que somos quen de cambiar de xeito positivo a paisaxe, o alumnado de Samieira e Raxó do CEIP Espedregada participa este ano no programa "Sustentabilidade e Paisaxe", unha iniciativa do "Plan Proxecta". Este programa escolar ten como finalidade acadar que os/as estudantes coñezan e interpreten as paisaxes que observan na súa vida cotiá e contribuír a que desenvolvan unha conciencia sobre a importancia do seu valor cultural, ambiental, social e económico.

Con esta meta, os cativos/as de 5° e 6° de Primaria do centro, coa axuda dos pequenos/as de infantil, puxeron en marcha estes días o primeiro traballo que participa no programa. Trátase dun proxecto creativo, un muíño de auga construído con envases tipo brick, cartón e papel, que, entre outros, ten os seguintes obxectivos:

  • -Potenciar actitudes de respecto cara os recursos do medio.
  • -Desenvolver hábitos de consumo responsable.
  • -Crear un espírito crítico e unha conciencia cidadá solidaria. 
  • -Incidir sobre o coñecemento da paisaxe e o respecto á importancia do valor natural e cultural da contorna máis próxima.



O Plan Proxecta é unha iniciativa de innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que busca integrar, na planificación anual dos centros de ensino, programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo. No caso do programa "Sustentabilidade e Paisaxe", no que participan 44 centros escolares, a colaboración é coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a responsable da Axenda 21 Escolar de Galicia.

O traballo dos alumnos/as do CEIP Espedregada presentouse, ademais, ao concurso "EnvasArte" de Tetra Pak® que premia a clase da creación gañadora con 2.000€ en material escolar. O prazo para votar pola obra estará aberto até o vindeiro 9 de decembro.


0 comentarios: