Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

O recibo da luz subirá un 3,1% a partir do 1 de outubro


A factura da luz volverá subir a partir do 1 de outubro. Esta será a terceira subida do recibo en catro meses e a cuarta dende o comezo de ano.

200 euros máis que hai 7 anos 

A electricidade para o último trimestre do ano encarécese un 7,5%, o que se traducirá nunha subida media da factura do 3,1%. Nos últimos sete anos o recibo da luz para os fogares encareceuse un 57%, o que supón que en 2013 as familias pagarán 200 euros máis que en 2006.

Electricidade das máis caras de Europa 

A pesar de ser un Estado produtor de enerxía, España é un dos países comunitarios nos que máis se paga pola electricidade. O prezo do quilovatio-hora español é o terceiro máis caro de Europa, só por detrás de Chipre e Irlanda, e é case o dobre que noutros países con maior nivel de renda e calidade de vida. A factura media en España xa rolda os 800 euros ao ano.

Nova perda do poder adquisitivo dos cidadáns e cidadás

Nun contexto de grave crise económica, a subida da factura da luz que se aplicará aos fogares agravará, sen volta atrás, a perda de poder adquisitivo dos cidadáns e cidadás. Parece claro que os intereses da industria seguen sendo prioritarios, por este motivo, a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) advirte de que agora, máis que nunca, os consumidores e consumidoras deben reaccionar e tomar medidas para reducir a súa factura.

Campaña "Quero pagar menos luz " da OCU

A OCU puxo en marcha unha iniciativa pioneira en España. Chámase "Quero pagar menos luz" e trata de xuntar a miles de consumidores e consumidoras individuais para pedir ás eléctricas que oferten a todo o colectivo unha tarifa máis barata que a dun contrato individual. É o primeiro "switching colectivo" de electricidade de España, unha experiencia que xa se aplica en países como Bélxica, Holanda, Reino Unido, Portugal ou Italia e que consiste en agrupar unha masa de consumidores suficientemente crítica como para lograr que as comercializadoras fagan ofertas máis vantaxosas. 


A asociación habilitou a web www.quieropagarmenosluz.org, onde calquera consumidor ou consumidora pode informarse e unirse ao grupo de forma gratuíta e sen ningún compromiso. A iniciativa xa conta con 277.718 persoas adheridas e permanecerá aberta até o vindeiro 14 de outubro.

Máis información:

0 comentarios: