Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

As queixas polo mal estado do parque infantil de Río de Bois chegan á Televisión de Galicia

Os veciños e veciñas de Samieira están fartos de que os seus fillos/as, netos/as ou sobriños/as, teñan un lugar de xogo que non está ben tratado nin conservado. O parque infantil de Río de Bois ofrece unha imaxe descoidada, insegura e perigosa, moi alonxada dos parámetros que establece a normativa de seguridade e hixiene. Por este motivo, tendo en conta que até o momento as autoridades non asumiron a responsabilidade de manter en boas condicións este espazo de lecer, as queixas polo estado lamentable desta área de xogo infantil e a súa contorna chegaron hoxe á Televisión de Galicia.




Os usuarios e usuarias do parque levan meses reclamando que se tomen medidas para manter en boas condicións unha superficie importantísima para o desenvolvemento dos nenos e nenas. Ademais de divulgar numerosas fotografías nas que aparecen os múltiples desperfectos, contactaron con diversos medios de comunicación co obxectivo de solucionar o déficit de mantemento e evitar posibles accidentes, posto que moitos dos elementos do recinto ou están deteriorados, ou están incompletos ou non foron renovados en moitos anos.



O estado lamentable do parque infantil de Río de Bois non só é unha vergoña pública para os seus responsables senón que incumpre a normativa sobre o dereito do neno/a ao descanso, ao esparexemento, ao xogo e ás actividades propias da súa idade recollido no artigo 31 da Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas.

Os veciños e veciñas tamén piden máis dilixencia no coidado das máquinas da ximnasia que empregan os maiores da zona, pois corren a mesma sorte que o parque, unha situación que causa indignación.

Máis información:

0 comentarios: