Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Alarma na praia do Covelo pola presenza duns animais mariños descoñecidos

A presenza na area e na zona de baño da praia do Covelo, en Samieira, de numerosos "bichos" mariños de aspecto xelatinoso sorprendeu no día de onte a visitantes e veciños/as. Varias persoas comunicaron o suceso ao Seprona da Garda Civil e á policía local ao temer que se tratase dunha especie estraña de medusa.

Ao final, resultou que os animais mariños en cuestión pertencen a unha familia de moluscos gasterópodos, os aplísidos, chamados habitualmente borrachas. A aplisia punctata (nome científico) é a especie da familia máis común en Galicia. Trátase dun animal totalmente inofensivo, que se alimenta de algas, e que recibe numerosos nomes na nosa terra. Entre eles podemos atopar: borracha, que é o máis "académico" e alude á borra de función defensiva que expele; tinteira; limacha; lebre de mar; cona de vella; pixa porca; teta do mar...

O suceso, nada habitual, causou gran espectación na zona e foi recollido por varios medios de comunicación. Algúns deles, aínda hoxe, non teñen moi claro de que animal mariño se trataba.

Máis información:
TELEVISIÓN DE GALICIA, 21-08-2013: "Falsa alarma por unha presunta praga de medusas en Poio".
LA VOZ DE GALICIA, 21-08-2013: "Unha estraña praga invade a praia de Covelo".

0 comentarios: