Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

A riqueza patrimonial máis antiga de Samieira no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra

A riqueza patrimonial máis antiga de Samieira, presente no Museo de Pontevedra, exhíbese dende onte no recentemente rehabilitado Edificio Sarmiento. Este inmoble, construído entre 1695 e 1714 e que foi a sede do colexio da Compañía de Xesús, acollerá as coleccións máis antigas do museo, dende o Paleolítico até o século XIII.

Algúns dos fondos arqueolóxicos máis importantes de Galicia forman parte das coleccións permanentes expostas no edificio. Nelas inclúense os restos arqueolóxicos de Samieira, exhibidos até o momento no edificio Castro Monteagudo.

Machados da Idade de Bronce
Petroglifo da pedra da Tomada da Xirona



O Sarmiento será o edificio no que se poderá iniciar cronolóxicamente o percorrido expositivo do Museo de Pontevedra. As pezas da nova sede seguen a pegada histórica, que arrinca nos máis antigos poboadores dos que hai constancia no occidente peninsular, con restos de fai medio millón de anos procedentes da provincia. Por medio dunha pasarela, a sede enlaza, tamén, coas coleccións do Sexto Edificio.

Interior do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra

En detalle, que imos atopar no Sarmiento?

A colección permanente do edificio Sarmiento divídese en varios apartados que recollen as obras de Prehistoria e Arqueoloxía, Alta Idade Media, arte románico, así como as de olaría e louza.



Prehistoria e antigüidade

Nas salas de arqueoloxía atópanse representadas todas as etapas que compoñen a Prehistoria e a historia antiga de Galicia, con obxectos do Paleolítico, época galaico-romana ou coleccións de aras, estelas e miliarios. Estes últimos conforman a serie máis numerosa pertencente hoxe en día a un museo español.

Entre as demais coleccións sobresaen as mostras de pintura rupestre de dolmens de hai 6.000 anos (as máis antigas expostas nun museo), a maior acumulación de ouro de occidente europeo (o tesouro de Caldas de Reis), así como obxectos da Idade do Bronce.

Alta Idade Media

Destacan entre elas a colección de capiteis, algún de mármore autóctono, laudas de estola ou lápidas de sepulcros.

Arte Románico

Capiteis, tímpanos, antefixas, dovelas, epígrafes e esculturas exentas ou entregas conforman a excepcional serie de obras de filiación románica. Tamén se exhiben traballos escultóricos sobre pedra usuais na Galicia da época, entre os que destacan o tímpano de Palmou, labrado en torno aos anos 1150-1160, e os profetas do Pórtico da Gloria, as dúas esculturas máis importantes do museo.

Olaría e louza

A cerámica de Sargadelos, do s. XIX, exhíbese nunha sala de 125 m2 dedicada en exclusiva á olaría e a louza. Son duascentas dezasete pezas das seiscentas que constitúen a colección do Museo, a máis importante que existe consagrada á produción da factoría fundada en 1804 por Raimundo Ibáñez no municipio de Cervo (Lugo).

Tamén hai na sala espazo para a cerámica de Pontecesures, tanto na súa etapa de Cerámica Artística Galega como de Cerámica Celta, e unha selección das olarías españolas máis representativas, procedentes de Manises, Paterna, Sevilla, Toledo e Talavera.

Legado Sánchez Mesas-Fernández de Tejada

En 2010 incorporáronse ao Museo as coleccións de arte contemporánea e asiático-oriental doadas polo diplomático Víctor Sánchez-Mesas e a súa dona, Sofía Fernández de Tejada. Este legado está agora no Sarmiento.

A colección de arte contemporánea permite ver a evolución da creación artística española dende a década de o 1940 até o 1980. A colección de arte asiática-oriental consta de 90 pezas de porcelana procedentes, na súa maioría, de China, mais tamén de Tailandia, Birmania ou Xapón, situadas cronolóxicamente entre os séculos XV e XIX. A sección de escultura desta colección está formada por obras de estilo greco-búdico procedentes do antigo reino de Ghandara (s. III-IV) e pezas de arte tibetanas, camboianas e chinesas do s. XVI ao XIX.



Máis información:

0 comentarios: