Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Rouba nun turismo estacionado nas Esculloeiras e fuxe en bicicleta


A Garda Civil detivo o pasado sábado na avenida da Cruz, en Combarro, a un home de 42 anos de idade que se daba á fuga en bicicleta logo de substraer varios obxectos nun turismo estacionado no camiño Esculloeiras, en Samieira.

Todo comezou ás 17.50 horas cando unha persoa alertou á Garda Civil por un suceso que acababa de presenciar: un individuo rompera unha ventá dun automóbil estacionado no camiño das Esculloeiras para levarse cousas do seu interior. 

Até o lugar dos feitos trasladouse unha patrulla da benemérita e un coche da policía local. Nas entrevistas ás testemuñas, que facilitaron a descrición do autor do roubo, os axentes decatáronse de que, cando se dirixían a atender a incidencia, cruzáronse cun individuo que coincidía cos datos que lles acababan de proporcionar.

O autor do delito, veciño de Mollabao e con antecedentes por roubo no interior de vehículos, xa era coñecido polos gardas por visitar habitualmente o poboado do Vao como posible consumidor de sustancias estupefacientes.

Tras emprender a súa procura, foi identificado e interceptado pola Garda Civil en Combarro cando circulaba en bicicleta cara Pontevedra. No momento da detención interviñéronselle, entre outros obxectos, un desaparafusador manipulado, que supostamente utilizou para cometer o delito, 13 euros en moedas e un billete de cinco euros, ademais dunha chaqueta de muller. O resto de obxectos roubados, un bolso, unha carteira con documentación persoal e un teléfono móbil, foron posteriormente localizados e entregados á propietaria do vehículo.

O detido, ao que lle constan antecedentes policiais por feitos similares (os últimos o pasado 19 de xuño en Campañó), foi trasladalo ao cuartel da Garda Civil. Logo de tomar manifestación a unha das testemuñas, que o recoñeceu sen dificultade, e á propietaria do turismo afectado, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda, quedando en liberdade con cargos.


Máis información:

0 comentarios: