Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Os restos do San Xoán seguen sobre a area das praias case un mes despois da festa


Nalgunhas praias de Samieira quedan aínda mostras evidentes do que foi a festa da noite de San Xoán. Quen pasaron polos areais do Laño e O Caeiro estes días puideron comprobar con desagrado como, transcorridas varias semanas dende entón, aínda hai restos das fogueiras e da celebración sobre a area das praias. Cinza, madeira mal queimada, botellas, latas, bolsas, plásticos, cristal e mesmo cravos, posiblemente da queima de palés, están sendo recollidos, día tras día, polos seus usuarios e usuarias.

Un aspecto lamentable e impropio

Quizá pola tardanza da entrada do verán, ou polo propio prognóstico meteorolóxico pesimista para o período estival, as praias de Samieira están dando unha sensación de deixamento, falta de limpeza e certo abandono que constitúen unha verdadeira molestia para os seus usuarios e usuarias.

No Laño, moitas persoas se queixaban estes días do aspecto do areal, principalmente na zona máis próxima ao Caeiro, un aspecto que cualificaban como lamentable e impropio. Na area da praia pódense ver paus, lixo e mesmo restos das fogueiras da noite de San Xoán.

No Caeiro, turistas e veciños/as recolleron durante varios días cravos de entre a area e todo tipo de lixo do que ninguén se ocupaba. O pasado 28 de xuño, o xornal "Diario de Pontevedra" facíase eco das queixas e denuncias sobre a acumulación de residuos e a falta de papeleiras ou contenedores para recollelos.

Cravos recollidos polos usuarios e usuarias da praia do Caeiro


Aumentar os esforzos en materia de limpeza

A inconsciencia dalgúns cidadáns e á falta de mantemento e a deficiente actuación dos equipos de limpeza son as queixas que máis manifestan os usuarios e usuarias durante estes días de sol. 

Está claro que non pode xustificarse, baixo ningún concepto, que o desfrute dos areais se realice rodeado de lixo. Recibir continuas críticas e queixas por parte dos usuarios e usuarias non é bo ao igual que un vertedoiro nunha zona natural é indignante. 

Por este motivo, son numerosas as voces que piden ao Consistorio que, antes de pensar en bandeiras azuis, aumenten os esforzos en materia de limpeza, dispondo os medios humanos e técnicos necesarios, para un bo mantemento dos areais, entendendo que son a columna vertebral do verán, o noso principal atractivo turístico. Non é de recibo que as praias do Laño e o Caeiro estean a ofrecer esta ano unha sensación de sucidade moi afastada dos parámetros de calidade que as distinguen.



Máis información:

0 comentarios: