Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Flora de Samieira: A Herba de Namorar

En terra de meigas e feitizos, tiña que haber unha herba máxica e feiticeira. A "herba de namorar", "namoreira" ou "herba preñadeira" forma parte da tradición galega por empregarse dende antigo para "fórmulas máxicas" relacionadas co mal de amores e o embarazo.

Descrición e hábitat

Os científicos coñecen esta planta, de pequenas flores brancas e rosadas, co nome de "Armeria maritima". Considérase unha planta medicinal, e conta con numerosas subespecies.

Crece en condicións salinas, azoutada polos ventos da beiramar, preto das praias, nos cantís, en fendas de grandes rochas e en chans areosos. Adopta unha forma redondeada, sen ramas sobresaíntes, precisamente, para minimizar o impacto do vento sobre as súas estruturas.  

É unha especie autóctona e ademais endémica, isto é, non crece de forma silvestre noutros espazos.

Remedio infalible para o mal de amores

Existen numerosas lendas sobre preparados máxicos con esta planta á que se lle atribúen propiedades poderosas como remedio para o mal de amores e para a fecundidade das mulleres.

Segundo a tradición, o segredo destes rituais está en facerse con ela na noite de San Xoán, noite meiga e feiticeira por antonomasia. 

Así, se o que se pretende é conquistar o alma tímida dun amor imposible, adoita dicirse que colocar unha flor desta planta no peto ou baixo a almofada do amado ou amada ten un efecto tan eficaz que non existe antídoto capaz de desfacer o amor que a súa axuda provoca. Do mesmo xeito, os ritos de fertilidade, pasan por bendecila e durmir con ela debaixo da cama.



En serio perigo de extinción

A herba de namorar está en perigo de extinción debido ao enorme desenvolvemento urbanístico da costa nos últimos anos. Os cambios no territorio diminúen o hábitat óptimo da especie, que é tremendamente sensible á contaminación e as alteracións do medio, así como á introdución de especies vexetais alóctonas e invasoras. A súa supervivencia é difícil e pouco probable se persisten os factores causantes da situación actual que a prexudican. Por este motivo debemos coidala. Ademais de protexer unha especie autóctona, tamén axudamos a conservar a arraigada tradición oral e unha das lendas máis ancestrais de Galicia.

0 comentarios: