Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Facendo o ganso...


Dende hai uns meses Samieira ten un visitante que acapara todas as atencións. Os cativos e cativas chámanlle "o pato", pero en realidade é un ganso. Os seus exemplares son escasos e difíciles de ver na nosa comarca. As fotos que ilustran esta entrada foron tomadas hai poucos días na zona do Covelo.

Características desta ave

O ánsar común, ganso común ou oca común (Anser anser) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae. O corpo é de gran tamaño, co pico groso, de cor laranxa e case triangular. O seu plumaxe é de cor agrisada, con manchas escuras no pescozo e os flancos; as patas son rosadas e a parte inferior da zona caudal esbrancuxada. Mide uns 80 cms e pesa entre 2,9-3,7 kgrms. Cando os vemos en voo, destaca un panel gris prateado nas súas ás. A súa voz é moi alta e ruidosa; os seus sons son nasais e moi sonoros.



Hábitat e alimento

Gústalles andar por zonas tranquilas, principalmente preto da auga. O seu alimento está formado por sementes e herbas. Comen tanto plantas terrestres como acuáticas, principalmente herbas curtas e follas, tamén raíces, incluíndo patacas e nabos. 



Vida en parella

Teñen tendencia a formar parellas de longa duración, en moitos casos probablemente para toda a vida. As parellas establécense xa no outono do seu segundo ano de vida, aínda que raras veces crían antes de cumprir os catro anos. En caso de morte dun dos membros da parella o outro procura un novo compañeiro. 



A domesticación

O ganso común foi domesticado probablemente en Exipto ao redor do ano 2200 a.C. Algúns gansos domésticos seguen a amosar condutas salvaxes e mesmo tendencias migratorias. Na mitoloxía asociouse a Venus e Marte, e considerábase símbolo da fertilidade. É famosa a lenda dos gansos do Capitolio que cos seus berros alertaron aos romanos do ataque dos galos.

0 comentarios: