Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Samieira: Enclave natural


Hoxe o xornal "Faro de Vigo" publicaba na sección Galicia un artigo sobre a paisaxe, natureza e patrimonio etnográfico de Samieira. Un fermoso agasallo. Non podemos máis que convidarvos a lelo:

"Samieira: Enclave natural" por Tere Gradín.

A fermosa ruta dos muíños do río Freiría en Poio enlaza paisaxe, arquitectura e etnografía

Neste traxecto pola parroquia de Samieira, no concello de Poio, aparecen fermosas panorámicas sobre a ría e máis dunha vintena de muíños seguindo o curso do río Freiría, que a tramos conforma un frondoso bosque de ribeira onde hai amieiros, freixos e carballos, ademais doutras especies vexetais e a súa fauna asociada. Paisaxe, cultura e natureza que enlaza o río co mar até a praia do Laño, un areal en forma de media cuncha no que aínda crece vexetación autóctona.

A recuperación do patrimonio etnográfico de Poio comezou en 2007 coa reforma dos muíños nunha parroquia cun notable legado en forma de cruceiros, fontes, lavadoiros, casas con historia e unha igrexa de fachada neoclásica da que destaca a súa esvelta torre, visible desde numerosos puntos e famosa, segundo reza a tradición, polo son das súas campás.

A ruta pode comezarse na Fonte das Mulleres, no centro da parroquia, até O Foxo das Vacas, o punto no que se penetra no monte Castrove pasando por zonas de alto valor paisaxístico e cultural que culminan en miradoiros como os de Fonte Xesteiros ou o de Outeiro da Burata, un magnífico enclave natural desde o que se pode observar a ría de Pontevedra e a illa de Tambo, con 28 hectáreas de superficie e unha longa historia.

O río Freiría forma numerosas pozas e máxicos espazos envoltos por vexetación onde é posible descansar e tomar un baño. Os enxeños hidráulicos, dos séculos XVIII e XIX, supoñen unha interesante representación do patrimonio arquitectónico e etnográfico do mundo rural galego, ao que se engade o valor paisaxístico e ambiental do conxunto.

Fonte: Xornal "Faro de Vigo"

Fervenza do Rego do Covelo  © Samieira Dixital
Ver artigo orixinal: FARO DE VIGO, 09-05-2013: "Samieira: Enclave natural"

0 comentarios: