Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Denuncian a falta de acondicionamento da Ruta dos Muíños


Unha das protestas máis reiteradas polos veciños e veciñas de Samieira é a falta de acondicionamento da súa ruta máis coñecida, a RUTA DOS MUÍÑOS. Ano tras ano, sucédense as denuncias polo "estado de abandono" desta senda que discorre por unha das zonas do Concello de Poio de maior atractivo turístico, cultural e medioambiental.

A beleza da contorna ou o patrimonio que atesoura non parecen motivos suficientes para o mantemento en boas condicións dos seus espazos durante todo o ano. O itinerario, que segue o decorrer do río Freiría, está totalmente descoidado, con zonas completamente invadidas pola maleza. Nin tan sequera preto do verán, a época na que máis persoas se animan a visitala, se atopa debidamente acondicionada.



O Concello de Poio e a Consellería de Industria subscribiron no ano 2007 un convenio para acometer a recuperación da ruta despois das riadas. A última actuación de investimento que dotou á senda das condicións axeitadas para o seu uso (sinalizacións, pasarelas...) finalizou no ano 2009 e realizouse no marco dun proxecto posto en marcha pola Mancomunidade turística Terras de Pontevedra.

Transcorridos catro anos, as queixas reiteradas pola carencia de actuacións básicas de mantemento e as obras nas inmediacións da ruta, que teñen un gran impacto visual, evidencian o deterioro e o escaso interese institucional na protección e valorización do itinerario de maior importancia e recoñecemento do Concello de Poio. 

0 comentarios: