Publicado por Samieira Dixital | 1 comentarios

O drama das participacións preferentes e a débeda subordinada


"Os bancos e as corporacións que crecerán ao redor deles privarán ao pobo da súa propiedade até que os seus fillos esperten sen casa" Thomas Jefferson

"É bo que o pobo non entenda o funcionamento do noso sistema bancario. Se a xente soubese o que fan os bancos co seu diñeiro ao día seguinte habería unha revolución" Henry Ford


A maioría das persoas temos os nosos aforros en contas bancarias porque é máis seguro, cómodo e, na maioría dos casos, rendible. Pero, a grave inxustiza que se cometeu con milleiros de aforradores e aforradoras no que respecta á comercialización fraudulenta de participacións preferentes e débeda subordinada, está a mudar a percepción de moitos cidadáns.

Está claro que quen non teña diñeiro no banco, non ten motivo de preocupación. Este problema, e outros que coñeceremos pronto (como o anuncio dun novo imposto á banca, que sen lugar a dúbidas repercutirá nos seus clientes) non vai cos que gardan os aforros no colchón...

Solidariedade cos afectados e afectadas

Varios veciños e veciñas do pobo están a vivir o drama das preferentes e as subordinadas. Un drama no que están inmersos milleiros de persoas dende hai xa dous anos. A eles, en solidariedade, van adicadas estas liñas. Porque o seu problema ten que ser explicado e divulgado. Estas persoas son as protagonistas dunha das maiores estafas financeiras dos últimos anos. Sen sabelo nese momento, estaban a levar a cabo o primeiro rescate bancario á conta dos seus propios aforros. Estes días coñeceron que van perder arredor da metade dos seus cartos.

Que son as preferentes e as subordinadas?

As participacións preferentes e débeda subordinada son innovacións financeiras recentes cunha orixe que en realidade nada ten que ver cos pequenos aforradores. Son produtos financieros complexos que deben ser comercializados a persoas con coñecementos suficientes para adquirir instrumentos financieiros de alto risco.

Dende o ano 2003, sen embargo, baixo a máscara dun depósito a prazo fixo, permitiuse a incorrecta comercialización destes produtos bancarios a pequenos aforradores (principalmente aos que máis se afastaban dese perfil cualificado). Nesta estratexia, mediaba un engano premeditado a prol dun obxectivo: que as entidades bancarias conseguisen liquidez para seguir a conceder préstamos a promotoras, construtoras e particulares aproveitando os grandes beneficios que supoñía financiar a burbulla inmobiliaria (algunhas entidades mesmo constituíron as súas propias promotoras ou entraron a formar parte doutras privadas, a pesar de que o negocio da banca non fora nunca ese).

A venda destes produtos a pequenos aforradores, mediante todo tipo de enganos, foi durante varios anos unha excelente vía de financiamento para bancos e sobre todo caixas. Os pequenos aforradores e aforradoras, asesorados polos seus xestores bancarios de confianza (os de toda a vida), colocaron gran parte do seu diñeiro, se non todo, nestes complexos produtos financieiros que conformaban riscos dos cales nunca foron advertidos. Dixéronlles que non había problema en retirar os aforros, que se necesitaban o diñeiro devolvíanllo. O que non lles dixeron é que as preferentes non teñen vencimiento, son perpetuas, e que a súa liquidez depende do mercado secundario, é dicir, de que cando unha persoa queira vendelas haxa outra que queira compralas. Unha cadea sen fin que durou até que a crise fodeu o invento.

As cifras da estafa en Galicia

A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros (Adicae) denuncia que máis de 100.000 persoas están afectadas por esta estafa en Galicia e calcula en 1.000 millóns de euros a cantidade que as caixas galegas colocaron entre clientes individuais na súa propia rede de sucursais entre 2003 e 2009. Máis do 75% dos afectados e afectadas que se someteron ao procedemento de arbitraxe non recibiron notificación ningunha e só 11.000 deles lograron recuperar o 100% do seu diñeiro por esta vía. Unha estafa xigantesca que agravou a feble situación económica de milleiros de familias.


A "solución" adoptada o 22 de marzo de 2013

O Goberno pretendeu acabar con este molesto asunto, que está a interferir na vida política de moitos Concellos, o pasado 22 de marzo. Ese día, o Consello de Ministros aprobou a aplicación da quita, é dicir, a aplicación dun desconto respecto ao valor do depósito invertido inicialmente nestes complexos produtos financeiros. O que lle reste a estes aforradores e aforradoras, despois desta quita, trocaráselles por accións dos bancos que llos venderon no caso de entidades intervidas con diñeiro público. Unha decisión que consuma a expropiación dos aforros que previamente foron secuestrados polos bancos e caixas e que forza aos cidadáns a asumir as perdas da banca.

Un "efecto" do rescate bancario solicitado polo Estado

Novagalicia Banco, Bankia, Caixacatalunya ou Banco de Valencia son entidades intervidas polo Estado e, por tanto, baixo control do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria). Estas "covas de Alí Babá", que declaraban beneficios cando tiñan perdas de milleiros de millóns de euros, son as perceptoras da maioría dos 100.000 millóns que a Unión Europea (UE) prometeu ao Estado para levar a cabo a reforma do sistema financeiro. Como parte das condicións negociadas que supuxo este rescate bancario, solicitado polo Estado en 2012, está que os posuidores destes produtos tóxicos sufran considerables perdas sobre o valor dos seus depósitos. O procedemento vén imposto por Bruxelas, sí, pero o Estado, negociador destas condicións, está a cumprir estas esixencias dando "visto e prace" ao saqueo do aforro cidadán.

43%: a quita media para as preferentes de Novagalicia Banco

Estes días, os afectados e afectadas pola emisión de participacións preferentes e débeda subordinada por parte das antigas caixas galegas comezaron a recibir cartas con información sobre os acordos aprobados pola Comisión Reitora do FROB. En concreto, este organismo aprobou o pasado venres que os titulares de participacións preferentes de Novagalicia Banco afrontarán unha quita media do 43%; mentres que os de obrigacións subordinadas perpetuas perderán o 41% e os de subordinadas con vencimiento, un 22%. Sobre isto, cada afectado e afectada terá que soportar unha porcentaxe individual de quita dependendo tamén da antigüidade dos depósitos (maior no caso das emisións máis antigas).

Finalizado este paso, cando o depósito restante se converta en accións das entidades, se algún particular necesitase liquidez e quixera recuperar o seu diñeiro en efectivo, poderá acudir ao Fondo de Garantía de Depósitos para vender os seus títulos. Esta operación, poderá suporlle unha segunda quita.


Unha decisión política que impón o castigo ao más débil

A aplicación de quitas e trocos forzosos sobre os depósitos, sen a autorización debida dos seus titulares é unha verdadeira expropiación, que se pretende executar a fume de carozo. A pesar de que se constatou máis que unha mala praxe bancaria, un auténtico engano, un roubo, a decisión política adoptada o 22 de marzo impón o castigo ao máis débil: ao aforrador desprotexido e indefenso. A medida supón un verdadeiro saqueo do aforro ao cidadán, que en absoluto foi responsable de tal desfeita financeira. Unha verdadeira expropiación patrimonial sen fundamentar, sen sopesar sequera as catastróficas consecuencias que poden provocar en grupos sociais de ingresos medios e baixos nun contexto de grave crise económica e social.

Aforradores sen apoio, responsables sen condena

En todo este proceso, tímidos, escasos e demasiado recentes son os apoios cos que están a contar estes pequenos aforradores. Representantes, partidos políticos e responsables, abandonaron á súa sorte a estes cidadáns que dende 2011 están a padecer un auténtico calvario. Ainda hoxe, despois de dous anos e varias sentenzas xudiciais que poñen de manifesto a monumental estafa, as autoridades non están polo labor de buscar solucións ao problema. Empregan fórmulas retóricas como "estamos facendo todo o posible para arranxar o problema", pásanse o tema duns a outros, incorrendo en abuso de poder, trato inxusto, discriminación, falta de resposta e engano. 

Nada impideu nin impide, por exemplo, ofrecer apoio legal gratuíto ás persoas afectadas ou abrir unha investigación que depure responsabilidades. É evidente que as autoridades responsables non prognosticaron a tempo a comercialización fraudulenta destes produtos, colocados masivamente dende a súa legalización polo goberno Aznar a pequenos aforradores (hai que lembrar que había representantes políticos participando nos Consellos de Administración das caixas). Está claro que os xestores destas entidades bancarias non responderon das súas fechorías, marcháronse á súa casa con indemnizacións e pensións multimillonarias, recolocándose, nalgúns casos, como altos executivos noutras compañías. É ben certo que o Estado, que ten o deber de protexer aos cidadáns, non lles reclamou responsabilidades nin a uns nin a outros, que que as teñen, e até é posible que penais. Ningún deles tivo necesidade de inscribirse na oficina de emprego. Iso, xa se sabe, é cousa de xente honrada.




O Carrabouxo por Xosé Lois
Ferrán

"Cando un Estado depende do diñeiro dos banqueiros, son estes e non os xefes de estado os que dirixen as cousas" Napoleón Bonaparte





Máis información:
PRAZA PÚBLICA, 05-04-2013: "Milleiros de galegos decátanse agora de que tamén son afectados polas preferentes"
LA VOZ DE GALICIA, 04-03-2013: "Un xuíz obriga a devolver 75.000 euros en preferentes a un matrimonio de xubilados"
PRAZA PÚBLICA, 25-03-2013: "Pero... quen ten a culpa das preferentes?"
EL PAÍS, 23-03-2013: "O Goberno di que o troco de preferentes é "o máis xeneroso posible"
EL PAÍS, 14-03-2013: "A Defensora do Pobo reclama unha arbitraxe universal para as preferentes"
EL MUNDO, 13-03-2013: "Nace "Caixa de Aforros O Meu Colchón": o primeiro colchón con caixa forte incorporada"
LA INFORMACIÓN.COM, 09-03-2013: Revilla: "Os bancos que venderon preferentes aos vellos están a esperar que morran"
EUROPAPRESS, 01-02-2013: "O novo imposto á banca polos depósitos estará entre o 0,1% e o 0,2%"
RTVE, 29-11-2012: "Mapa das entidades financieiras de España"

1 comentarios:

Miguel Alonso dixo...

Se a xustiza dí que foi unha estafa. Se o goberno o admite. Non é moi normal que presenten isto da quita como un mal menor. O normal é que busquen a forma de devolverlles os aforros íntegros aos seus lexítimos propietarios e que os estafadores, como todo delincuente, sexan xulgados como tales.