Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Cambio de hora: Este domingo comeza o horario de verán


Un dos primeiros síntomas de que o verán se achega é o cambio de hora. Como cada ano, esta noite deberemos adiantar os reloxos para un maior aproveitamento das horas de luz: ás 2:00 serán as 3:00.

Unha medida de aforro enerxético

Con esta medida estímase que en Galicia se acade un aforro enerxético en iluminación do 1% no sector doméstico e do 3% no sector servizos. A diminución do consumo eléctrico total no conxunto da Comunidade galega estará próximo ao 0,4%.

Unha hora menos de luz pola mañá

O adianto dos reloxos fai que as tardes teñan máis luz diúrna e as mañás menos. Así, a partir do domingo haberá unha hora menos de luz pola mañá (o sol sairá sobre as oito) e unha máis pola tarde (escurecerá a partir das oito e media).

1.500 millóns de persoas de 80 países moven as agullas do reloxo

Actualmente uns 1.500 millóns de persoas de case 80 países moven as agullas do reloxo dúas veces ao ano. Os países que usan o DST (Daylight Saving Time ou cambio de hora) son principalmente os do Hemisferio Norte do planeta, aínda que hai sitios como Islandia, parte de Cánada, EEUU, México e practicamente toda a zona asiática, que non realizan cambio algún nos seus reloxos. A medida é de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea.

Orixes do cambio horario

Até o século XX, o Estado español rexía o tempo polo sol, de forma literal. A hora civil oficial facía referencia ao meridiano de Madrid, pero cada provincia tiña unha hora local diferente dependendo das súas coordenadas. Desta forma, Galicia tiña unha hora diferente ás Illas Baleares, xa que un galego ve saír o sol máis de 50 minutos máis tarde que un balear.

O século XX trouxo consigo a hora do Meridiano de Greenwich (GMT) ou Tempo Universal (TU) para España (GMT+ 1 no inverno e GMT+2 no verán), a adopción do huso horario de Berlín (dende o 2 de maio de 1942) e os cambios horarios.

A modificación da hora comezou a xeneralizarse a partir de 1974 cando se produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.

Máis información:

0 comentarios: