Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Campaña de substitución dos contadores da luz


Gas Natural Fenosa xa iniciou en Samieira os primeiros cambios de contadores da luz analóxicos por dixitais. Esta modificación do sistema permitirá ás compañías eléctricas pór en marcha a telexestión, unha fórmula que evitará que o seu persoal teña que ir a domicilio a tomar nota dos quilovatios consumidos. Os clientes non pagarán polo equipo pero si terán que abonar un aluguer mensual un 50 % máis alto que o actual.

Beneficio para as compañías eléctricas 

A substitución dos actuais contadores mecánicos por outros electrónicos está regulada polo Real Decreto 110/2007 e as Ordes de desenvolvemento do Ministerio de Industria ITC/3860/2007 e IET/290/2012 que establecen que todos os contadores de potencia inferior a 15 KW deben substituírse antes do 31 de decembro de 2018 por equipos que permitan a telexestión. Esta regulación vén imposta por unha directiva da Unión Europea que, en teoría, ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e os sistemas de medición e control. É dicir, pór a disposición de compañías e usuarios máis información e desta maneira reducir o consumo. Pero non parece que tan loable obxectivo vaia a cumprirse. A complexidade do novo sistema de medición en pantalla complicará a interpretación e a lectura que poida facer o usuario, e, polo contrario, beneficiará as compañías. As empresas eléctricas aforrarán o custo do persoal que agora realiza o control manualmente, operación que despois será automática e, ademais, disporán dunha información completa do consumo dos seus clientes, incluíndo unha parte do mesmo que na actualidade, e debido ás limitacións da medición mecánica, escapa do seu control. 

Aumento da tarifa mínima

Os novos contadores rexistrarán a enerxía reactiva (a que a maioría dos aparellos eléctricos consomen e que agora non rexistra o contador pero pasa por el) e, en particular, se a potencia solicitada polos usuarios é a que realmente estes necesitan. Na actualidade, os automáticos saltan cando no domicilio demándase maior potencia da contratada e para renovar o servizo o usuario limítase a conectar de novo o automático. Cos contadores electrónicos nestas situacións a compañía poderá saber que o usuario necesita máis potencia da que paga e obrigaralle a aumentar os quilovatios mínimos contratados se a operación se repite con frecuencia. En consecuencia, a tarifa mínima aumentará.

O sistema de telexestión

O propio contador fará chegar a información correspondente de cada usuario até a compañía. O sistema escollido, chamado Sistema PLC, permite enviar datos usando como soporte os propios cables da rede eléctrica convencional. Os concentradores (un en cada centro de transformación) recollerán e ordenarán os datos de cada usuario chegados dos contadores situados nas vivendas e envíarannos aos centros de control de cada zona, ben utilizando a rede actual de comunicacións inalámbricas (da que forman parte as antenas de telefonía móbil), ben instalando novas antenas. Este proceso farase mediante Wimax, siglas da expresión inglesa Worldwide Interoperability for Microwave Access (Interoperabilidade mundial para o acceso por microondas), método de transmisión de datos que utiliza ondas de radio con frecuencias de entre 2,3 e 3,5 xigahercios. É dicir, trátase dun sistema similar ao WiFi só que de maior potencia e alcance.

Unha nova fonte de contaminación electromagnética

O novo sistema convertirase nunha nova fonte de contaminación electromagnética que se sumará á producida polas antenas de telefonía, móbiles, WiFi e demais tecnoloxía inalámbrica, xa que estes contadores intelixentes emiten microondas, radiacións electromagnéticas. Ademais, o sistema, inxectará altas frecuencias na rede para emitir datos, algo non realizado até agora de maneira masiva polo que se descoñece o seu posible impacto na saúde.

Reaccións: O caso francés

En París, os cidadáns e cidadás saíron á rúa para dicirlle non á empresa de electricidade que pretende cambiar todos os contadores antigos do país polos novos. Non só está en xogo a saúde ambiental, tamén perigan miles de postos de traballo porque os aparellos faranos innecesarios. Como protesta os/as parisienses/as están a pór un cartel de "NON TOCAR O MEU CONTADOR" pegado nos seus contadores.

Máis información:

GAS NATURAL FENOSA, información corporativa: Campaña de substitución de contadores.
LA VOZ DE GALICIA, nova do 01-02-2013: "O Goberno obriga ás eléctricas a asumir o cambio dos contadores"
GAS NATURAL FENOSA, comunicado corporativo do 14-11-2011: "Gas Natural Fenosa inviste 50 millóns de euros en 2011 no despregamento de redes eléctricas intelixentes en España"
EL PAÍS, nova do 05-05-2011: "O contador doméstico intelixente implantarase en cinco anos"

0 comentarios: