Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Principais modificacións do novo PXOM

O Concello de Poio está a redactar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A elaboración deste conxunto de documentos técnicos e normativos, que serve para ordenar o uso do chan e regular as condicións para a súa transformación ou, no seu caso, a súa conservación, remóntase a decembro do ano 2008. Ainda que polo momento non ten carácter definitivo, o Concello xa conta cun avance no que se perfilan as súas principais características.

O novo plan substituirá ao que está en vigor dende o ano 2000 e deixará establecidas as bases do crecemento municipal até o ano 2025.

Mapa do actual planeamento urbanístico




Principais modificacións que inclúe o novo deseño en Samieira

Nova vía de alta capacidade: Unha das reformas máis significativas é o corredor que atravesaría o municipio de leste a oeste. Esta estrada de alta capacidade (denominada Sistema Viario Estruturante) enlazaría o Acceso Norte (Fragamoreira) con Arén (Samieira). A materialización desta infraestutura modificaría substancialmente a orografía de varias parroquias.(Ver máis: "Unha estrada dende Fragamoreira ata Arén").

Novos viarios: Prevese a creación doutros viais de nova construción na parroquia.

Rebaixa da protección costeira: Contémplase a rebaixa da franxa de protección do litoral de 100 a 20 metros en zonas como O Covelo. Costas aprobou en novembro de 2012 esta diminución da anchura da servidume de protección para axustala á realidade urbanística de varias zonas do municipio. A medida supón a regularización de moitos inmobles.

Inclusión de varias zonas como "aptas para urbanizar": Inclúese varias bolsas de solo como ámbitos de posible crecemento como o lugar da Bouza, preto de Arén (onde se situa a Casa Rural) e a zona de Espedregada (Monte Baldío), entre Samieira e Raxó. Esta última xa fora obxecto dun plan de sectorización no ano 2007 que modificou a calificación urbanística do espazo de solo de protección forestal a solo apto para urbanizar.
Infografía: Diario de Pontevedra - Fonte: Concello de Poio



Fase na que se atopa a tramitación do PXOM

Despois de que a Xunta de Galicia dese luz verde á avaliación ambiental estratéxica, o Concello debe dar o seguinte paso, solicitar os informes sectoriais, é dicir, obter o visto e prace de todas as administracións con competencias na materia: Costas do Estado e da Xunta, a Dirección Xeral de Estradas, Patrimonio, Augas de Galicia, Portos... Logo disto, procederase á exposición pública, trámite que ten un prazo máximo legalmente permitido de dous meses.


Modificacións recentes realizadas no planeamento en Samieira

O actual Plan Xeral de Ordenación Municipal, vixente dende o 28 de xullo do 2000, tivo en Samieira dúas modificacións. As dúas foron iniciadas por iniciativas privadas:

26/07/2011: MODIFICACIÓN DO PLANO 6.1, zona de Covelo: rectificación dun erro existente. Resultado: reclasificación dunha área de solo rústico apto para urbanizar (SRA) en solo urbano (SU). Esta modificación puntual do PXOM promovida polo Concello foi derivada da tramitación dun expediente de licenza de segregación solicitada por un particular. A modificación proposta xorde como consecuencia de dúbidas na interpretación do planeamento. Non segue, por este motivo, o procedemento de revisión ou modificación do PXOM que regula a LOUG (Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia).

30/01/2007: PLAN DE SECTORIZACIÓN de solo rústico apto para urbanizar (SRA) entre as parroquias de Samieira e Raxó (zona de Espedregada-Monte Baldío-Valdemós). Resultado: reclasificación dunha área de solo rústico de protección forestal (SR/PF) en solo rústico apto para urbanizar (SRA). Esta modificación promovida polo Concello a instancia da empresa construtora ROPROVISA S.L. contemplaba a construción dun complexo residencial: 149 vivendas, 2 zonas para establecementos hoteleiros, 4 viais (un de conexión coa estrada local e 3 rúas residenciais), xardíns, prazas de estacionamento, equipamento comunitario e/ou comercial e espazos libres públicos. O proxecto afectou a máis de 60 parcelas de 40 propietarios.



Máis información: 


SAMIEIRA DIXITAL, 15-02-2013: "Unha estrada dende Fragamoreira ata Arén".
DIARIO DE PONTEVEDRA, 14-02-2013: "O avance da novo PXOM inclúe un viario alternativo á PO-308 entre San Xoán e Arén"
LA VOZ DE GALICIA, 13-11-2012: "Costas baixa a protección en Poio e regulariza decenas de casas"
BOLETÍN OFICIAL DO ESTADO (BOE), 12-11-2012: "Anuncio da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de notificación da Orde Ministerial de 29 de outubro de 2012, de modificación da anchura da servidume de protección do deslinde do tramo de costa que comprende a totalidade do termo municipal de Poio (Pontevedra). Ref. DL-157-Pontevedra"
FARO DE VIGO, 10-02-2012: "Urbanismo espera deixar encarrilada a aprobación da PXOM antes do verán"
FARO DE VIGO, 23-11-2011: "O Concello acode á vía xudicial para reducir a 20 metros o deslinde de Costas" 
FARO DE VIGO, 27-11-2010: "O Poio de 2025, a exame".

0 comentarios: