Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Samieira perde poboación


Nestes catro anos (2009, 2010, 2011, 2012) rexistráronse en Samieira os índices máis baixos de poboación dos últimos 12. En todo o periodo 2000-2012 producíronse crecementos moi leves.

Mentres o municipio de Poio incrementou os seus habitantes un 17% dende o ano 2000 e creceu a maior ritmo que Pontevedra, a parroquia de Samieira invirteu esta tendencia. O número de habitantes no ano 2012 situouse en 1.049, algo menos que no ano 2000 no que se rexistraban 1.066. As cifras reflicten escasas variacións en todo o periodo e non anuncian un escenario moi próspero no futuro.

Fonte: Instituto Nacional de Estatística (INE) | Padrón Municipal de Habitantes


Estrutura de idades envellecida
O descenso da natalidade e o aumento da esperanza de vida configuran unha estrutura de idades cada vez máis envellecida. Analizando os  grandes grupos de idade obsérvase un incremento do peso relativo da poboación de 40 a 64 anos e unha  diminución do peso relativo da poboación en idades de 16 a 39 anos. A poboación nova e activa desprázase a outros lugares principalmente polo atractivo dos seus equipamentos e servizos (en materia educativa, sanitario-asistencial, ocio…) e por outras cuestións vitais de grande importancia como o emprego ou a vivenda.

Motivos da perda de poboación
Entre as causas básicas que propician a perda poboacional atópanse: a falta de equipamentos da zona; a carencia ou precariedade de numerosos servizos; as limitacións da planificación urbanística que impide en moitos casos a construción de vivendas en terras herdadas; a aposta por un modelo de asentamento estacional en detrimento da residencia habitual ou permanente.

O modelo de asentamento estacional
A partir de mediados da pasada década edificáronse na localidade multitude de vivendas, sobre todo na zona de Covelo. O modelo de desenvolvemento, propio do “boom inmobilario”, primou a construción de pisos en lugar do modelo tradicional de vivendas unifamiliares. Este modelo incrementou o número de vivendas secundarias, ocupadas só de forma ocasional ou destinadas a alugueres sucesivos de curta duración. Hoxe en día, un número moi significativo destas casas, arredor dun 20%, seguen sen comprador e, a efectos estatísticos, considéranse baleiras.

As consecuencias da diminución da poboación: A perda ou enfraquecemento da memoria colectiva
A perda de habitantes pode carrexar o desuso e o esquecemento de forma irrecuperable de coñecementos, vellas técnicas e labores escasamente documentados. A diminución ou estancamento poboacional ten consecuencias moi negativas pois as novas xeracións son as que manteñen vivas as pequenas localidades.

0 comentarios: