Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Implicación e compromiso este domingo en Samieira coa II Limpeza Cidadá do Río Freiría



O vindeiro domingo 27 de setembro realízase en Samieira (Poio, Pontevedra) a II Limpeza Cidadá do Río Freiría, unha actividade de concienciación, educación e voluntariado ambiental do “Proxecto Ríos”. A actuación, organizada pola veciñanza e a Asociación Ecoloxista ADEGA, realizarase de forma simultánea con outras 40 limpezas fluviais na xeografía galega.

Unha acción proambiental de mellora e coñecemento da contorna

A xornada seguirá o decorrer do río Freiría, na contorna da ruta dos muíños de Samieira, un espazo de alto valor ecolóxico, etnográfico e paisaxístico. Consistirá na recollida e eliminación de residuos da contorna e na observación e interpretación do estado do ecosistema do río. Porá o acento na conservación e concienciación pública sobre a importancia da auga e o patrimonio fluvial.

Inicio ás 11.00 horas na Praza Alfredo Romay

O comezo está previsto para as 11.00 horas no punto de encontro, a praza Alfredo Romay Besada. Nese lugar formarase o grupo de participantes, asignaranse as tarefas, repartiranse os materiais e daranse as instruccións para realizar unha limpeza respectuosa co ecosistema. De aí, partirase cara a senda dos muíños de auga do río Freiría, onde se levarán a cabo labores de limpeza en diversos tramos do curso fluvial até aproximadamente as 13.30 horas.

O programa da actividade inclúe tamén a recollida das aportacións dos/as participantes para un estudo da vexetación e dos puntos críticos, presións ou ameazas de conservación do ecosistema do río. Esta información incluirase nun informe de situación do curso fluvial e unirase á recompilada na edición anterior.

Retiráronse varios quilos de lixo no 2014

A organización preve que nesta xornada se eliminen da contorna todo tipo de refugallos de xeito similar á pasada edición. Na xornada de 2014 participaron activamente en Samieira 21 persoas e recolléronse varios quilos de lixo, principalmente restos de actividades humanas.

A finalidade de todo o exposto é aumentar a concienciación pública, promover a responsabilidade, fomentar a conservación do río destacando a importancia vital dos seus recursos e a necesidade de protección e dunha xestión apropiada.

Calquera persoa pode participar

Polo seu interese social e ambiental, calquera persoa que o desexe pode participar. Non se require experiencia previa nin ningún tipo de aportación. O único que se precisa é roupa cómoda e ganas de contribuír a un medioambiente limpo e san. As inscricións poden facerse a través do mail samieiraproxectorios@gmail.com ou o perfil de facebook "Proxecto Ríos Samieira".

Limpeza do Río Freiría 2014 | Proxecto Ríos Samieira

MÁIS INFORMACIÓN:
Evento público: "II Limpeza Cidadá do río Freiría".
Perfil na rede social Facebook:"Proxecto Ríos Samieira".
Inscricións: Formulario de inscrición da organización.

0 comentarios: