Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Samieira únese este domingo ao "Proxecto Ríos" coa I Limpeza Cidadá do Río Freiría



A veciñanza de Samieira vai participar este ano no “Proxecto Ríos”, un programa de concienciación, educación e voluntariado ambiental posto en marcha pola asociación ecoloxista ADEGA. Será este domingo 28 de setembro coa realización da I LIMPEZA CIDADÁ DO RÍO FREIRÍA, na contorna da ruta dos muíños de Samieira (Poio, Pontevedra), un espazo de alto valor ecolóxico, etnográfico e paisaxístico.

A actividade comezará ás 11.00 horas na praza Alfredo Romay Besada, punto de encontro do voluntariado, co reparto de tarefas, a distribución de materiais e o repaso das instruccións para unha limpeza ecolóxica e respectuosa co ecosistema fluvial. De aí, partirá para desenvolverse, seguindo a senda dos muíños de auga, no río Freiría, onde os/as participantes levarán a cabo labores de limpeza en diversos tramos do curso fluvial até aproximadamente as 13.30 horas.

Ademais da limpeza de residuos da contorna, o programa da agrupación de voluntarios/as “Proxecto Ríos Samieira”, coordinadora do evento, inclúe a recollida das aportacións dos/as participantes para un estudo da vexetación e dos puntos críticos, presións ou ameazas de conservación do ecosistema do río.

A finalidade de todo o exposto é aumentar a concienciación pública, promover a responsabilidade e fomentar a conservación do río destacando a importancia vital dos seus recursos e a necesidade de protección e dunha xestión apropiada.

As inscricións están abertas e calquera persoa que o desexe pode participar. É recomendable inscribirse contactando a través do mail samieiraproxectorios@gmail.com ou o facebook "Proxecto Ríos Samieira" para que a organización poda facer unha previsión de materiais.



MÁIS INFORMACIÓN:

0 comentarios: