Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Os fortes temporais dos últimos días deixan un regueiro de danos en Samieira



Árbores e ramas caídas, embarcacións varadas, restos de todo tipo espallados polo litoral, son as consecuencias, entre outras, da media ducia de fenómenos meteorolóxicos adversos rexistrados dende mediados de decembro.

As grandes mareas sementaron de lixo os areais e asulagaron a senda litoral

A zona de Samieira que padeceu con maior virulencia os efectos das inclemencias meteorolóxicas foi a costa. As fortes arremetidas do mar chegaron a asulagar varios tramos da senda litoral e encheron de lixo toda a fronte marítima. Nas praias e no viario localízanse todo tipo de restos: aparellos de pesca, plásticos, boias, troncos... Dende hai varios días, veciños e viandantes ábrense camiño pola senda retirando cos seus propios medios a gran cantidade de refugallos que nela se depositaron.

Lixo sobre a senda peonil que une O Covelo e O Laño

Un gran manto de area cubriu a estrada no Covelo

Os fortes ventos e as intensas preamares desprazaron gran cantidade de area da praia do Covelo. O pavimento da estrada, nas estremas do areal, quedou totalmente oculto baixo este manto de xabre que xa foi retirado.

Manto de area sobre a estrada no Covelo

Árbores e ramas caídas en varios lugares da parroquia

O vento e a violenta tromba de pedrazo acompañada de aparato eléctrico da noite de Reis provocaron caídas de árbores e fracturas de ramas en distintas zonas de Samieira. En Fontemulleres, derrubáronse dúas árbores, unha delas sobre a ponte do río Freiría, na ruta dos muíños.

Árbore sobre a ponte do río Freiría (Fontemulleres) | Fotografía: Jose Carlos González Martínez
Os veciños alertan de que outra árbore ameaza con virse ao chan no lugar e piden que se tomen medidas preventivas como a retirada dos elementos que bloquean o paso na ruta de sendeirismo e son un perigo para os/as viandantes.

Unha barca varou na praia do Laño e outros obxectos cederon pola forza do vento

Os temporais deixan tamén unha embarcación varada na praia do Laño e outros obxectos danados, dobrados, derrubados ou envorcados en distintas zonas: valos, contedores do lixo, luminarias, sinais, letreiros...

Embarcación varada na praia do Laño




Para a restitución de todos os danos, nun primeiro balance, de escasa contía, os veciños/as agardan ao longo destes días, a mobilización dos servizos municipais de iluminación, xardinaría, limpeza e auga.

Novas relacionadas: FARO DE VIGO, 09.01.2014: "A choiva intensificouse nos días festivos máis sinalados".
LA VOZ DE GALICIA, 07.01.2014: "Dezaoito días de fortes choivas".
FARO DE VIGO, 04.01.2014: "O temporal mostra a súa forza en Galicia".

0 comentarios: