Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Celebración, Culto, Tradición e Flores

Música, baile, flores e moita cor. Samieira engalanouse este domingo para celebrar a festividade do Sacramento (Corpus Christi). A pesar das nubes grises ameazantes coas que amenceu a xornada, a choiva non fixo acto de presenza e permitiu, que, como cada ano, tivese lugar o ritual de ceremonias e actos solemnes, nos que non faltaron as alfombras florais e o secular "Baile do Ramo".

O Baile do Ramo

Un dos actos máis populares desta festividade é o "Baile do Ramo". Trátase dunha danza de orixes ancestrais, ligada á celebración relixiosa, que se realiza no adro da igrexa parroquial, logo da tradicional misa e procesión. A danza e o seu ceremonial son a máis antiga representación nas celebracións de Corpus Christi do pobo.



Cada ano, segundo marca a tradición, o matrimonio máis antigo da parroquia é quen recolle "o ramo", protagonizando a primeira representación do baile. Ao seu remate, entrégao ao matrimonio entrante (o protagonista da festividade vindeira) que se encarga da segunda interpretación e peche da celebración. 

A peza é danzada ao ritmo dos músicos, sempre gaiteiros, e ante a veciñanza. Os pasos, o ritmo e a musicalidade, transmitidos de xeración en xeración a través da tradición oral, están arraigados na memoria patrimonial do pobo, que é quen conserva a súa vixencia colectiva, mantendo as súas características, tal e como foron transmitidas, até a actualidade.


As alfombras florais

Tanto as rúas darredor do templo, como o recinto do baile, atopáronse engalanadas para a ocasión con altares e alfombras florais. Samieira conserva esta tradición dende hai anos grazas ao laborioso traballo de varias mulleres que son a "alma mater" da elaboración destes vistosos mantos florais. As fermosas cores deste ano e os graciosos bichiños, non deixaron a ninguén indiferente e puxeron luz e alegría a un día meteorolóxicamente gris.




O grupo encargado de impulsar a tarefa de tapar con pétalos e demais materiais a contorna da igrexa parroquial emprega moitas horas de traballo para a confección destes tapices naturais. O proceso é longo e comeza nas primeiras semanas de maio coas xuntanzas do picado do verde, labor intensa e constante, que precede á recolección e selección das flores.

Con ilusión e esforzo todos os anos conseguen un resultado excelente.

0 comentarios: