Publicado por Samieira Dixital | 0 comentarios

Día da Auga: recurso prezado de Samieira

Hoxe, 22 de marzo, conmemórase en todo o planeta o Día Mundial da Auga, unha data proposta polas Nacións Unidas en 1992 para sensibilizar á poboación e aos seus gobernantes sobre a importancia de coidar deste recurso.

Samieira terra de auga

Samieira é terra de auga. Multitude de ríos, mananciais, fontes e correntes subterráneas discorren a través da parroquia. A abundancia deste recurso en toda a zona é a explicación máis probable da orixe do topónimo. Seimeira e Saimeira (e outras variantes destas formas) son denominacións de lugares que teñen caídas de auga (en varias zonas de Galicia empregan seimeira para se referiren ás fervenzas).

A auga nas lendas

A pegada da campá, o sinal da lenda máis coñecida de Samieira, está precisamente nun curso de auga, en Fontemulleres. Tamén, curiosamente, a moura de Fontebrasal (Fonte Brazal, en Arén) vivía dentro dunha fonte.

O aproveitamento do recurso

Os veciños de Samieira tiveron sempre unha especial relación coa auga. Este ben prezado foi aproveitado de múltiples formas durante séculos. En cada lugar onde manaba ou discorría construíronse fontes, lavadoiros, muíños, canalizacións e presas para regar os cultivos. Mesmo na praia do Laño aproveitouse un lugar onde gurgullaba a auga como fonte natural.

Poio-Samieira-Muiño de Portas Poio-Ruta dos muiños de Samieira26

Dos tres cursos fluviais que atravesan a parroquia, Freiría, Cruxeiro e Covelo, o río Freiría é o máis significativo. As súas augas rápidas e xenerosas foron aproveitadas dende antigo para moer o millo da zona e dos lugares veciños. O seu caudal (hoxe moi mermado polas plantacións de eucaliptos) garantía o uso dos máis de 20 muíños situados nas súas marxes incluso nos meses máis secos. Na actualidade, o río Freiría e as augas dos montes de Samieira forman parte da rede de subministración de auga municipal. O Concello de Poio combina a subministración de auga do Lérez coa procedente dos ríos Mouro e Freiría e pequenos mananciais. Emprega para esta subministración unha complexa rede de depósitos e bombeos que recollen e distribúen a auga a través da canalización que transcorre en paralelo á estrada PO-308.

A nova rede de subministración de auga

Tras case cinco anos de tramitacións, Acuanorte (Sociedad Estatal de Aguas de las Cuencas del Norte S.A.), propón un ambicioso plan para renovar o sistema xeral de abastecemento de auga de catro municipios da ría (Pontevedra, Marín, Poio e Sanxenxo) ao que se suma tamén Vilaboa. O plan, asinado formalmente polos cinco alcaldes, permitirá investir uns 33 millóns de euros no próximos tres anos nunha completa renovación de todo o sistema básico de subministración. A actuación que afecta á marxe dereita da ría (Pontevedra, Poio e Sanxenxo) xa se atopa en fase de exposición ao público.

Poio-Ruta dos muiños de Samieira24

Máis información


0 comentarios: