| 0 comentarios

Lendas, crenzas, tradicións, ritos e costumes

(***) En construción. Desculpe as molestias, esta páxina está incompleta. 

A tradición oral, en pleno proceso de esnaquizamento, trouxo até os nosos días o substrato máis fondo da nosa comunidade. Como escribiu Victor Freixanes, unha "comunidade" está "construída sobre a imaxinación, as sensacións e os mitos, moitos dos cales nunca existiron, pero que acaban sendo reais porque os soñamos xuntos e os facemos entre todos".


Lendas

Samieira ten no seu patrimonio histórico-cultural un conxunto importante de historias e lendas populares das cales destaca a lenda da campá da igrexa.

A campá da igrexa

"Hai moitos séculos, os mouros que habitaban nos montes adoitaban tramar maldades contra os cristiáns. Unha delas foi roubar a campá da Catedral de Santiago de Compostela, que estivo desaparecida durante moito tempo, tendo que facer outra nova para colocar no seu lugar. Un día, un veciño de Samieira que se atopaba vixiando as vacas que estaban a pastar, deuse conta de que unha delas estaba a tirar dunha ramallada e que cada vez que o facía, sentía o repenicar dunha campá na beira do río. Seguindo a rama o home descubriu a campá escondida baixo terra. A campá foi devolta á catedral e como recompensa, a nova campá que foi construída para substituír a roubada entregouse como agasallo á parroquia".
Esta lenda, a máis coñecida e divulgada do pobo, orixinou a crenza popular de que a campá de Samieira é a que mellor resoa de entre todas as igrexas dos arredores.

"A campá de Samieira apareceu no río, en Fontemulleres. Había unha pedra grande coma un mundo. Alí viviron os mouros e logo dín que os correron".
"No Pozo da Moura, en Fontemulleres, apareceu unha campá".
O lugar no que se dí que se atopou a famosa campá é Fontemulleres, no Rego dos Muíños. Alí hai un oco con forma de campá que se atribúe á lenda, aínda que posiblemente fose orixinado pola erosión da corrente do río.

A campá, en antropoloxía, é o símbolo máis expresivo da unión mística da parroquia. As súas badaladas convocan a todos, aos deste mundo e aos do outro, á misa maior. O seu son chama a participar nos momentos de ledicia e nos de tristura.


A moura de Fontebrasal

"Nun monte máis arriba de aquí, vivía dentro dunha fonte unha moura. Era moi bela e tiña unha trenza que estaba a peitear sempre. Cando se achegaba alguén, ela mergullábase na auga. Hai quen dí que era unha bruxa, que cando a xente ía co gando para o monte, aparecíase".
As mouras das lendas, esveltas, de pel branca e cábelos loiros, responden ao ideal de beleza feminina na cultura popular galega. As lendas que relatan a aparición de mouras peiteándose con peites de ouro son moi abundantes en Galicia.

O lugar de Fonte Brazal ou Fontebrasal (topónimo alterado pola fala popular) ao que se refire a lenda atópase no Monte de Arén.


O tesouro do Outeiro do Peixe

"Tres irmás mouras foron desterradas do seu país despois da morte de seu pai, o rei. Viñéronse a vivir para un lugar chamado Outeiro do Peixe, aquí en Samieira. Cada unha delas veu cun tesouro e un cabaliño de mazapán.

Un día veu un mago, amigo do seu pai, para levalas ao seu país nos cabaliños que voaban. Birbiriana, a máis pequena, tiña fame e comeulle unha pata ao seu cabaliño. As súas irmás fóronse e ela non pudo facer o mesmo porque ao seu cabaliño faltáballe unha pata. Quedou alí ata a súa morte, e din que alí está entre as pedras o seu tesouro".


Crenzas 

Os piratas e o ouro

"Téñenme contado os meus avós que ao ir a Raxó todo pola costa ata Samieira e más para acá, ata Combarro, todo era piratismo. Asaltaban aos barcos, entón cargaban os piratas e metíanse en Samieira, nun río que lle chaman Ladróns, que aí atoparon unha campá, dicían os vellos que de ouro.

Viñan os ladróns e alí, nun sitio moi fondo, dunha profundidade de máis de vinte metros, e por alí se metían e descargaban o ouro, e logo por iso lle puxeron Ladróns, que é alí no Laño. E dicían que por alí descargaban, por Samieira, e deixaban o ouro todo e unha campá de ouro en Ladróns (...)".

Os mouros e Pedra Furada

"De rapaces iamos coas ovellas ao monte. Cando chovía abrigabámonos na Pedra Furada. Era dos mouros. Os mouros non traballaban a terra, sei que andaban polos montes".


Tradicións 

As fiadas

"En Samieira a fiada facíase na casa da Barreira. Fiábase, marcábase e facíanse puntillas. Os mozos tocaban a pandeireta, cantábase e bailábase. A casa estaba chea".
As fiadas ou fiadeiros eran unha xuntanza da mocidade da parroquia que na súa orixe tiña por finalidade fiar o liño e a lá. Unha vez rematado o labor, comezaba o baile que se facía acompañándose con música de pandeiretas. Nos últimos tempos nas fiadas xa non se traballaba, e eran, simplemente, ocasión de encontro e diversión.

Nas fiadas as mozas estaban acompañadas das nais e das vellas. A estancia iluminábase cun candil. Cando a cousa se animaba, alguén daba un pao ao candil e logo todo era apalpadela. Na dura vida da aldea sempre existiron datas ou momentos (San Xoán, Entroido, as festas...) nos que estaba permitido tomarse certas licenzas.


 Ritos 

Medicina popular: Cura das avelaíñas (mancha branca no negro dos ollos)

"A gloriosa Santa Lucía
tres agulliñas de ouro tiña
cunha bordaba, con outra cosía
e con outra sacaba as avelaíñas
a quen as tiña
cun padrenuestro e unha avemaría
a Santa Lucía".
Preparación da cura: Cóllese auga nun vaso pequeno e dez grans de trigo. Destes, tírase un cara atrás e con nove bendícese. Cun gran encima do ollo recítase a oración e, ao final, rézase un Pai Noso e unha Avemaría a Santa Lucía.


0 comentarios: