Historia e Patrimonio
Patrimonio............................................................
Vestixios prehistóricos
Os gravados rupestres
Petroglifo no Outeiro da Tartaruga |
Estes gravados, realizados ao aire libre sobre rochas graníticas de variedade de dúas micas (as máis axeitadas para ser insculturadas) atópanse en varias zonas da parroquia (frecuentemente nas ladeiras medias e baixas dos outeiros e na proximidade de brañas ou de correntes de auga, circunstancia que fixo pensar a diversos autores na existencia de comunidades de economía pastoril).
As estacións de petroglifos dos montes de Samieira atópanse entre as máis importantes da provincia. Dos 10 complexos rupestres catalogados como bens de interese cultural (BIC) no Concello de Poio, 4 pertencen a Samieira. Estes conxuntos, declarados monumento histórico-artístico nacional o 20 de decembro de 1974 (Decreto 3741/1974, BOE do 10 de marzo de 1975), son Patrimonio Cultural do Estado e están regulados por unha normativa específica, actualmente contida na Lei 16/1985 de 25 de xuño de Patrimonio Histórico Español, na Lei 5/2016, de 04 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia e nos seus regulamentos de desenvolvemento (⇒ Ver ficheiros na base de datos de bens inmobles do Ministerio de Cultura e relación no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia).
Gravado rupestre Outeiro da Pedra Furada - Pedra Escorregadoira
Gravado rupestre Monte do Cruxeiro - Outeiro da Burata
Gravado rupestre Teixugueira - Pedra da Miñota
Gravado rupestre Teixugueira - Pedra da Tomada da Xirona
Petroglifo de Pedra Escorregadoira |
Petroglifo do Outeiro da Burata |
O desgaste producido polos 3000 anos transcorridos, fai que nalgún caso, faga falta agudizar a vista para descubrilos, sendo recomentable a súa busca cando o sol incida lateralmente sobre as laxes (a luz do amencer ou do ocaso axuda na visualización das inscricións).
O depósito de machados da Idade do Bronce
O depósito ou "acubillo" de Samieira é o referente máis coñecido para a área galaica dos grandes depósitos de "machados" do Bronce Final localizados nas terras da Europa atlántica. É un conxunto de 156 machados de bronce de talón ou tope, con dúas argolas ou aneis, que representan un dos últimos estadios evolutivos da industria metálica desta etapa. A súa cronoloxía crese que non é anterior ao 750-700 a. de C.
O descubrimento, como acontece case sempre, foi casual:
No mes de marzo de 1946 o veciño José Blanco Bringas, traballando a súa finca en Ladróns, deu cuns machados que se atopaban enterrados baixo unha pequena lousa de granito. A súa disposición era moi curiosa: apareceron minuciosamente colocados en catro ou cinco capas dispostas verticalmente co fío cara abaixo. Entre capa e capa interpoñíase unha pequena cantidade de terra fina e, no fondo do buraco, había unha capa de area.
O achado, de gran importancia, impactou fortemente na comunidade veciñal. Numerosos estudos sobre o periodo destacan o descubrimento do depósito e establecen a denominación "tipo Samieira" para referirse a el (en Samieira documentouse, por primeira vez, o modo de almacenar os
machados nos derradeiros anos da Idade do Bronce, técnica que se descubriría que non era
exclusiva do noroeste, posto que en Francia este obxectos tamén aparecerían
baixo pedras ou no fondo de pequenas cavidades).
A presenza dunha alta porcentaxe de chumbo na súa composición facíaos fráxiles e posiblemente inadecuados para ser
utilizados nos seus usos carácterísticos (os valores medios da aliaxe
ternaria coa que foron fabricados: 8,8% de estaño, 26,6% de chumbo e 62,5% de cobre). Por este motivo, o fin último ao que podían estar destinados estes obxectos tan complexos formalmente, tan fráxiles e, o que é máis significativo, tan extraordinariamente numerosos, é un tema controvertido. A produción masiva e a acumulación en "depósito" orixinou diversas explicacións e teorías. Para algúns autores, parece aseverar que estaban directamente destinados á comercialización (pezas de troco). Para outros, que se trataba de atesouramentos de materias primas que naquel momento eran escasas e de gran valor. Tamén, que podía tratarse de pezas en desuso, destinadas á fundición e reciclaxe. Por último, hai autores que defenden a idea dun destino simbólico como ofrenda a determinadas divindades (pezas rituais).
Hoxe, estes útiles do pasado prehistórico, pódense contemplar no Museo de Pontevedra (edificio Sarmiento, colección prehistoria e antigüidade).
Vitrina do Museo de Pontevedra |
Hoxe, estes útiles do pasado prehistórico, pódense contemplar no Museo de Pontevedra (edificio Sarmiento, colección prehistoria e antigüidade).
Patrimonio da Idade Antiga
Moedas da época romana
Nos anos trinta (S. XX), atopáronse, en diversos lugares de Samieira, moedas que "testemuñan" a presenza romana na zona. Concretamente, un denario romano imperial (moeda oficial do Imperio Romano implantada no ano 187 a. de C.) e un as hispanorromano do grupo do touro (esta tipoloxía é moi frecuente na amoedación íbera e ibero-romana). Estas moedas son hoxe parte dunha colección privada.
Patrimonio da Idade Moderna (1453-1789)
A igrexa parroquial
A actual igrexa parroquial de Samieira data da segunda metade do século XVIII. E unha boa obra dos canteiros galegos e érguese sobre outra primitiva, máis pequena, da que non quedan restos.
Os cruceiros
O cruceiro de Estrelos, situado actualmente en Riodama (foi trasladado da interseción de camiños do lugar de Estrelos, na zona de Monte Covelo), está datado no 1755, como informa o epígrafe gravado na cara dianteira da súa base: "Esta obra mandó hacer María de Rial por devoción año 1755". Ainda que existen outras obras pertencentes aos séculos XIX e XX, cabe afirmar que entre aquelas que non amosan o ano da súa feitura podan existir monumentos anteriores á devandita data.
Os muíños de auga
Samieira posúe na actualidade 23 muíños de auga situados ao carón do río Freiría dos que non é fácil concretar a data exacta de construción. Crese que os máis antigos poderían ser de finais do século XV ou principios do XVI, debido á chegada dun novo tipo de millo, procedente de América, cun gran máis grande imposible de moer nas casas. A primeira catalogación calcúlase ao redor do ano 1500 e está documentado que no ano 1753 xa existían 27 muíños, dos cales funcionaban todos excepto un.
Patrimonio da Idade Contemporánea (1789-actualidade)
Arquitectura e arte popular
Samieira posúe un fermoso conxunto de patrimonio etnográfico, atesourado durante varios séculos, ao que se suman nesta etapa varios exemplos de arquitectura tradicional e arte popular e relixiosa (séculos XIX e XX). Unha notable riqueza patrimonial secular en número e variedade de monumentos: hórreos de admirable cantería, cruces e cruceiros protectores das encrucilladas, muíños de auga, e outras construcións propias da relixiosidade popular.
Entre os elementos de arquitectura relixiosa destacan pola súa singularidade os situados no adro da igrexa parroquial: o esmoleiro-fonte de Santa Lucía, situado no muro exterior, e o viacrucis (o máis completo do Concello de Poio) que consta de 10 cruces altas, que oscilan entre os 1,57 e os 1,84 metros de altura e están integradas no muro darredor da igrexa, e unha cruz baixa pendurada na parede exterior dereita do templo. O cruceiro do lugar está datado no 1871.
Tamén son significativos: o vello cemiterio parroquial, por antigüidade, é do ano 1894 (na porta de acceso ten un epígrafe en latín que o indica: "Anno Domine MDCCCXCIV. Fecit Parochus Cumeidelirus") e o cruceiro da praia do Covelo (1976), por ser o único xubilar (feito nun "ano santo") que existe no Concello.
Historia da Localidade........................................
As orixes da parroquia
O nacemento da parroquia de Samieira crese vencellado ao establecemento do mosteiro de Armenteira, que, tras a fundación orixinal, na metade do século XII (1152), pasou rapidamente a pertencer á orde cisterciense. Os rexistros dos abades constatan a existencia da parroquia dende polo menos o século XV, sendo a patrona titular a Asunción da Virxe. Non se descarta, sen embargo, a súa vinculación anterior ao mosteiro beniditino de Poio, ao que pertencía xa no 1105, por doazón da raíña Dona Urraca, a vila de Simes (o primeiro documento relativo a este mosteiro que se coñece está datado no ano 942). Esta vinculación eclesiástica, reflíctese no catastro do Marqués de Ensenada (1753) no que figura que a parroquia pertenceu en outro tempo a varios mosteiros. Tamén, no mesmo documento, constan os nomes duns poucos señores, donos de terras da zona, que as arrendaban aos campesiños do lugar. O arquivo parroquial comeza no ano 1607.
No século XVIII, segundo a división administrativa de Floridablanca, a freguesía de Samieira pertence á xurisdición da Lanzada sobre a que exerce o seu señorío de abadengo o Arcebispo de Santiago. Complementariamente, no mesmo periodo, tamén exerce sobre ela o seu señorío e potestade o nobre D. Juan Méndez. (O Conde de Floridablanca oficializou unha división territorial de Galicia que tivo unha vixencia de medio século até a definitiva remodelación de 1833).
O ano 1836, decisivo para a historia da provincia de Pontevedra, marcaría o desenvolvemento posterior da parroquia até a actualidade. No mes de febreiro quedou constituida a primeira Deputación Provincial e o 30 de novembro do mesmo ano publicouse no Boletín Oficial da Provincia a "Nova Planta dos Concellos Constitucionais" da provincia, disposición que instauraría a distribución territorial en Concellos "tal como a coñecemos hoxe". Este feito definitivo estableceu a nova dependencia de Samieira respecto do Concello de Poio. A nova administración local nacía da unión de catro parroquias: San Xoán, San Salvador, San Gregorio de Raxó e Santa María de Samieira, a segunda máis poboada con 208 veciños e 715 almas.
No século XVIII, segundo a división administrativa de Floridablanca, a freguesía de Samieira pertence á xurisdición da Lanzada sobre a que exerce o seu señorío de abadengo o Arcebispo de Santiago. Complementariamente, no mesmo periodo, tamén exerce sobre ela o seu señorío e potestade o nobre D. Juan Méndez. (O Conde de Floridablanca oficializou unha división territorial de Galicia que tivo unha vixencia de medio século até a definitiva remodelación de 1833).
Mapa xurisdicional seguindo a división territorial do Conde de Floridablanca (S. XVIII) |
O ano 1836, decisivo para a historia da provincia de Pontevedra, marcaría o desenvolvemento posterior da parroquia até a actualidade. No mes de febreiro quedou constituida a primeira Deputación Provincial e o 30 de novembro do mesmo ano publicouse no Boletín Oficial da Provincia a "Nova Planta dos Concellos Constitucionais" da provincia, disposición que instauraría a distribución territorial en Concellos "tal como a coñecemos hoxe". Este feito definitivo estableceu a nova dependencia de Samieira respecto do Concello de Poio. A nova administración local nacía da unión de catro parroquias: San Xoán, San Salvador, San Gregorio de Raxó e Santa María de Samieira, a segunda máis poboada con 208 veciños e 715 almas.